O BNG DENUNCIA “O CAOS E A IMPROVISACIÓN” DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN NO INICIO DE CURSO ESCOLAR E ADVIRTE DE QUE “ESTÁ POÑENDO EN PERIGO O ENSINO PÚBLICO”
Carme Adán asegura que “nun momento de crise, o 75% das familias galegas van ter que pagar os libros de texto” co novo sistema

A portavoz de Educación do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, denunciou hoxe o “caos” que ten creado a Consellaría de Educación no inicio do curso escolar, “unha situación que se debe á improvisación coa que está actuando a Consellaría e a unha estratexia do PP de perxudicar ao ensino público e beneficiar ao privado”.
Carme Adán advertiu de que “en só catro meses, e a uns días de que se inicie o curso escolar o conselleiro de Educación provocou unha situación de caos (...) e está a pór en perigo o ensino público”.
O 75% das familias terán que pagar os libros de texto
A deputada do BNG puxo como exemplo a supresión da gratuidade dos libros de texto, “un recorte social que afectará a miles de familias galegas, precisamente nun momento de crise económica no que moita xente o está a pasar moi mal”.
Neste sentido, advertiu que “a medida fará que o 75% das familias galegas con fillos en idade escolar teñan que pagar os libros de texto co novo sistema”, e tachou de “propaganda” a campaña publicitaria da Consellaría de Educación na que anuncia que a “gratuidade solidaria” beneficiará a 7 de cada 10 familias, “un dato falso porque suman nesa cifra a todas os cursos que se manteñen no anterior sistema de préstamo gratuíto, que como sabemos van ir suprimindo”.
“As familias non saben qué vai pasar cos comedores escolares”
Carme Adán tamén denunciou a situación de incertidume na que se atopan os comedores escolares. Advertiu de que “a día de hoxe moitos centros públicos de educación aínda non saben se van poder cubrir toda a demanda e mesmo se van poder seguir prestando o servizo”.
Neste sentido, criticou que “o conselleiro aínda non teña nomeado a día de hoxe ao subdirector xeral responsábel da polítca de comedores e dea a calada por resposta aos directores dos centros e ás ANPAS”.
Igualmente, denunciou a paralización por parte da Consellaria de obras de reforma e mellora previstas en moitos centros públicos, e puxo como exemplo o CEIP de Baiona “onde unhas obras que xa estaban orzamentadas e previstas foron paradas e vaise iniciar o curso escolar sen telas realizado”.
A parlamentaria nacionalista tamén advertiu da falla de información sobre o futuro do transporte escolar, “do que a día de hoxe a Consellaría aínda non informou se vai reducir os tempos de espera e reforzar as rutas ou seguirá coa súa política de recortes”.
Recortes no profesorado
Ademais, Carme Adán tamén se referiu aos “importantes recortes no persoal docente” dos centros públicos, “o que redundará nun deterioro da calidade do ensino”. Citou como exemplo os agrupamentos escolares; a redución do 10% do proferorado de primaria, chegando ao 25% nalgúns centros; o recorte de 500 prazas de profesorado en ensino secundario; a reducción de profesorado nas Escolas Oficiais de Idiomas; ou a eliminación das prazas de formación e recursos para o profesorado, “unha medida contemplada na LOE e que a Consellaría debería explicar cómo a vai cumprir”.
Na mesma liña, criticou a decisión da Consellaría de suprimir módulos dos ciclos formativos de Formación Profesional, “caso da cociña galega de vangarda, algo totalmente contraditorio coas potencialidades de Galiza no eido do turismo gastronómico, e que só podemos entender dende a obsesión do Goberno do PP de eliminar todo o que sone a galego”.
Apoio da Consellaría á segregación por sexos nas aulas
Por último, a deputada do BNG denunciou que “a Consellaria de Edcuación tivera aproveitado o período estival para intentar que pasase desapercibido que vai subvencionar con cartos públicos a centros de ensino privado que separan ao alumnado por sexos, unha medida que vai en contra de todas as políticas de fomento da igualdade entre homes e mulleres”.