Humanización de Sabarís – Hai alternativas

Posted: under Novas BNG.
Etiquetas: ,

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar en rolda de prensa as súas impresións e iniciativas respecto aos sucesos derivados do inicio das obras de humanización da Avenida Xulián Valverde, na parroquia de Sabarís.

Nesta rolda de prensa participaron Ana Rodríguez, Portavoz Municipal do BNG no Concello de Baiona e Henrique Viéitez, deputado do BNG no Parlamento Galego.

Cabe resaltar que foi o BNG, na etapa na que tivo responsabilidades de governo no Concello de Baiona quen iniciou o proceso de humanización da Avenida Xulián Valverde, avenida que vertebra a parroquia e que ficou esquencida durante longos anos, obviando as súas potencialidades. Mais que o proceso o iniciase o BNG, firme defensor das humanizacións como xeito de dinamización, nomeadamente zonas deterioradas, ailladas ou de menor confluencia de povoación, non quere decir que se comparta o xeito de actuar do Governo Municipal do Partido Popular.

O desenvolvemento do proxecto e execución das obras, que debera ser un proceso derivado do diálogo e o coñecemento polas partes afectadas, tense convertido nunha acumulación de despropósitos que xa teñen unha incidencia real na economía local de Sabarís. Dende que tiveron coñecemento das intencións do Concello de Baiona de acometer o proceso de humanización desta avenida, as persoas comerciantes e empresarias deste núcleo de poboación veñen reclamando á Alcaldía información de cómo sería o proxecto e fixeron propostas para a súa mellora urbana. Nin que dicir temos que nunca se opuxeron a dita mellora, pero coñecen perfectamente que dependendo do seu resultado final e de cómo se acometan as obras vai supoñer a continuidade, ainda que de xeito precario, ou pechar de xeito definitivo os seus negocios.

Toda esta situación témola que enmarcar dentro dun período de crise económica sumamente grave onde o sector servizos, neste caso o comercio ao por menor e o turismo son factores chave para non converter nun deserto e destruir emprego na economía de Sabarís. Mais a insensibilidade do Governo Local e do seu máximo responsábel, o Alcalde Xesús Vázquez Almuiña, chega a extremos como propoñer desenvolver as obras en pleno período estival e, a maiores, desprazar na súa totalidade o mercado semanal, que se desenvolve os Luns, a outro lugar cunhas consecuencias nefastas, pois a xormada de mercado supón o noventa por cento da súa facturación semanal.

Por todo isto o BNG defenderá no Pleno Municipal que se celebrará no día de mañá, mediante a presentación dunha Proposición Non de Lei no Parlamento Galego o seguinte:

 

Instar ao Governo Galego a que se dirixa ao Governo Local de Baiona para que, de común acordo, procedan a:

–         Consensuar con comerciantes e empresarios o desenvolvemento das obras ao obxecto de minimizar o impacto sobre os negocios locais.

–         Establecer medios de aparcamento disuasorio nas proximidades desta avenida ao obxecto de facilitar os desprazamentos das persoas consumidoras do pequeno comercio e turismo.

–         Reconsiderar o traslado total do mercado semanal que se efectúa os Luns, a xeito de que sexa progresivo e temporal, reocupando os tramos xa urbanizados.

–         Elaborar un programa de divulgación, dinamización e potenciación da oferta económica deste núcleo de povoación.

 

Así mesmo tamén se realizarán as seguintes preguntas á Mesa do Parlamento:

–         Cáles son as razóns de non ter establecido unha canle de información a comerciantes e empresarios de Sabarís sobre o contido e desenvolvemento das obras de urbanización da Avenida Xulián Valverde?

–         Dado que o licitante é o Governo Galego, cómo está establecida a responsabilidade do desenvolvemento das obras?

–         A qué obedece que se fagan as obras na peor época para os negocios deste núcleo de poviación?

–         Ten establecido outras alternativas para minimiazr o impacto sobre a economía local de Sabarís?

–         Ten contemplado o Governo Galego a elaboración dalgunha actuación para recuperar a actividade económica? De ser certo, cáles son?

CONSELLO LOCAL DO BNG EN BAIONA

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.