Moción en defensa do Ensino Público Galego

Posted: under Mocións e alegacións.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A comunidade educativa galega a través de diferentes entidades (organizacións sindicais, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organizacións estudantís  partidos políticos…) constituíu a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público para manifestar o rexeitamento ao Real Decreto-Lei 14/2012, publicado polo goberno do Estado,  para esixir da Consellaría de Educación que non   aplique en Galiza  ningún dos recortes contidos no RD Lei e que o recorra  por invadir as competencias  que en materia educativa ten a Xunta  de Galiza. 

A Educación é un dereito que os gobernos teñen a obriga de garantir nas mellores condicións posíbeis. Só a través do ensino público se poden minorar as diferenzas sociais e se poden formar as xeracións do futuro nos valores da liberdade, da igualdade, dos dereitos humanos e da democracia. O ensino non é unha mercadoría. Nunca pode ser medido con criterios de rendibilidade económica. A súa oferta e calidade debe estar garantida para todas e para todos, independentemente da procedencia socioeconómica ou xeográfica de cadaquén, aplicando as medidas compensatorias necesarias para  garantir a igualdade de oportunidades. Por iso mesmo, nun momento de crise económica é cando cómpre fortalecer os servizos públicos e manter as dotacións necesarias para que non perdan calidade e para que o conxunto da cidadanía, esa que está a sufrir a crise, non se vexa privada dos seus dereitos.

Mais iso non é o que sucede hoxe. O actual goberno galego veu aplicando sucesivos recortes ao ensino público e reduciu en 425 millóns os orzamentos en relación aos de 2009, o que provocou a perda de máis de 2.000 docentes e a conseguinte falta de dotación necesaria para facer fronte á atención á diversidade, ao reforzo educativo e ás necesidades educativas especiais, é dicir, a todas as necesidades que ten o sistema educativo galego. Xunto a isto, a Administración galega eliminou a gratuidade dos libros de texto e non cobre as baixas do profesorado inferiores a quince días. Gastáronse millóns en tirar con libros por estaren en galego e en facer propaganda da eliminación da gratuidade dos libros, mentres mantiñan e incrementaban as axudas aos centros privados concertados, mesmo cando segregan o alumnado por sexo.

A sociedade galega non merece que o ensino, onde deben medrar e formarse as xeracións do futuro, sexa tido en tan pouca consideración polo goberno galego. Co pretexto da crise, golpéase, de maneira grave, o ensino público, pondo en cuestión o dereito á educación das clases populares.  Por iso, pedímoslle que rectifique e que, como primeira medida, se posicione en contra dos recortes que agora nos quere aplicar o goberno do Estado.

Os recortes que se propoñen buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar.

Estes recortes van supoñer, de levalos a cabo:

  • Incrementar as ratios a 30 alumnos/as en Infantil e Primaria, 36 en Secundaria e 42 en Bacharelato. Esta medida provocará a masificación das aulas, impedirá unha atención personalizado do alumnado e atender as necesidades educativas específicas, e suporá  menor calidade do ensino e maior  fracaso escolar.
  • Impor unha xornada lectiva semanal mínima para o profesorado  de 25 horas en Primaria e 20 en Secundaria. Isto traducirase, entre outras consecuencias, en que o profesorado terá que impartir materias das que non é especialista, completar horario noutros centros,  incrementando as itinerancias, e dificultará a realización doutros labores necesarios para o funcionamento do centro e para mellorar a calidade do ensino.
  • Non substituír o profesorado de baixa. Será un prexuízo para o centro e para o alumnado que as baixas non se cubran até que pasen catorce días (dez días lectivos). Os centros verán alterado o seu plan de traballo cada vez que se produza unha baixa e o alumnado terá que ser atendido por profesorado de diferentes especialidades á do substituído, conculcando o dereito á educación do propio alumnado.
  • Eliminar o requisito de ofertar dúas modalidades de bacharelato. Con graves consecuencias na formación do alumando, obrigado a desprazarse de non contar na localidade coa modalidade de bacharelato que quere cursar. Afasta os servizos dos ámbitos non urbanos, restando máis poboación ao rural, reduce o acceso ao ensino superior, polas dificultades de gran parte do alumnado de custearse os desprazamentos, incrementando o abandono escolar e dificultando cursar os estudos desexados.
  • Adiar a implantación de ciclos de formación profesional. Que prexudica gravemente as persoas que, precisamente nun momento de crise económica, buscan unha mellor e máis actualizada formación, entre elas moitas persoas paradas.
  • Incrementar as taxas universitarias. Trátase dunha suba desorbitada, que pode superar o 50% e que se fixará en función do custo das titulacións. Isto achegará o prezo das matrículas ao que hai nas universidades privadas e impedirá que as universidades públicas continúen a cumprir o papel de inclusión e igualdade social.

Con estes recortes atácase gravemente o ensino público e a súa calidade, así como o dereito de igualdade de oportunidades do alumnado, que aumentará o fracaso escolar e despedirá máis de 2.000 docentes. Por iso, solicitamos do Pleno da Corporación municipal de Baiona a adopción do seguinte

ACORDO

Solicitar do Goberno Galego que actúe como tal e non se someta a decisións que van en contra do ensino galego, que se negue, rotunda e publicamente, a aplicar calquera das medidas contidas no RD Lei 14/2012 e presente recurso por invasión de competencias.

 

Baiona,9 de maio de 2012

Portavoz municipal:

 

 

Ana Mª Rodríguez Fernández

Non hai comentarios

No comments yet.

Sorry, the comment form is closed at this time.