O desgoberno de Baiona

Posted: under Novas BNG.

Baiona, marzo de 2011

Estimados/as veciños/as

Desta vez faremos un percorrido polas distintas áreas do desgoberno de Baiona.

DEPORTES: Como xa saberedes, o Sr. Alcalde ten previsto investir 796.055,86 € no pavillón de deportes para amplialo(con unha pista de padel ¿?) e reparar a cuberta. Despois de tantos anos e da fortuna que se leva gastado en arranxala, nos días de chuvia segue caendo máis auga dentro que fóra. Á última reparación fíxose no ano 2007 e ascendeu a 71.631 €. Agora van botar todo abaixo de novo.

Mentres tanto nas parroquias non se financian nin o deporte de base nin o deporte tradicional e os mozos e mozas seguen sen contar con áreas deportivas.

Grazas á incompetencia absoluta da concelleira de Deportes e Actividades Marítimas, acabaron privatizando a xestión do pavillón de deportes o que redundou nos usuarios e usuarias do mesmo,encarecendo os servizos e empeorando a xestión.

Agora están empeñados en construír unha piscina municipal nos Tendais cunhas tarifas que triplican as da piscina da Ramallosa. Iso si, a piscina de Baiona terá SPA polo que só poderán utilizala os ricos da vila. O bono familiar que na Ramallosa custa 29 € ao mes, valerá máis de 70 € en Baiona. Todo isto porque o Sr. Alcalde non foi quen de conseguir un so euro do Sr. Feijóo para investir en Baiona. Todas as promesas quedaron en fume…

CULTURA: A política cultural que levamos padecendo nos últimos seis anos é tan rancia e está tan fóra de lugar que aínda ninguén comprende como se pode deixar sen celebrar o Entroido tal e como sucedeu o ano pasado. Tamén nos preguntamos que significado ten unha Feira de Abril en Baiona, cando se deixan sen subvencionar as festas tradicionais galegas. Por que no Día das Letras Galegas, o Sr. Alcalde só sabe organizar a Festa da Bicicleta, desprezando deste xeito a nosa lingua e a nosa cultura? Isto só pode facelo un político que pensa máis no seu partido que no seu pobo.

E falando da lingua, a inmensa documentación que se xera no Concello redáctase en castelán, incumprindo deste modo a Lei de Normalización Lingüística aprobada por Fraga en 1983.

MEDIO AMBIENTE: O Sr. Alcalde leva anos dicindo que o 99% do concello conta con saneamento. Ou minte ou as contas non cadran, xa que a día de hoxe moitos veciños e veciñas seguen usando as fosas sépticas como único recurso a evacuación de fecais. Moitos dos bombeos realizados non funcionan debido á súa mala situación ou polas deficiencias nas infraestruturas, e incluso algún deles tivo que ser resituado para a súa posta en marcha.

Ao Sr. Alcalde pouco lle importaron os centos de sinaturas recollidas nas parroquias polo BNG e presentadas por rexistro en contra da Lei de Augas, unha lei imposta pola Xunta que obriga os veciños e veciñas a poñer un contador para a auga extraída dos seus propios pozos e así poder cobrar un canon.

O mesmo sucedeu coa Lei de Protección do Litoral que comezou afectando a media vila e acabou desprotexendo todo canto estaba protexido. Desta vez, o Sr. Almuíña tamén agachou a orella diante dos seus xefes na Xunta.

Con respecto ao tema da limpeza, pouco hai que dicir: todos estamos acostumados aos contedores fedorentos e ás montañas de lixo tanto no casco urbano como nas parroquias. Nas praias sucede o mesmo. Por que o Concello nunca consegue unha bandeira azul na praia da Ladeira?

Tamén se privatizou a xestión do punto limpo…Parece que este Goberno é incapaz de arranxar os problemas da vila sen a axuda do sector privado.

TURISMO E COMERCIO: Cando se dará conta o Sr. Alcalde da necesidade de impulsar un turismo sostible todo o ano, potenciando os nosos recursos naturais, culturais e gastronómicos? Seguen empeñados en encher de xente as rúas de Baiona unicamente nos meses de verán. Hai que pensar no resto do ano, crear expectativas de futuro e innovar.

O pouco comercio que queda en Baiona estrangúlano con obras sen control ao libre albedrío das empresas que as executan para o seu propio beneficio. Por que está calado o Goberno? Que intereses ocultos está a defender?

En Baiona, non se pronuncia a palabra “industria”. Só o BNG ten un programa no que se prevé crear solo industrial para responder á demanda dos empresarios que buscan terreo no que montar as súas empresas e que a día de hoxe teñen que buscar fóra do noso concello. Que vergoña!



Comentarios (0) Mar 23 2011

Salarios e Educación

Posted: under Novas BNG.

Baiona, marzo de 2011

Estimados/as veciños/as

De novo estamos con vós para poñervos ao corrente, entre outras cousas, dos salarios que percibimos os políticos por exercer a función que nos encomendades.

SALARIOS: A maioría de vós saberedes que, por unha banda, algúns membros do goberno municipal teñen dedicacións exclusivas e outros só traballan no Concello a media xornada. Os concelleiros da oposición só cobran por asistir aos plenos e ás comisións.

Soldos políticos Baiona
Alcalde
Concello
Diputación
6.547,99 €
4.087,99 €
2.460,00 €
/mes
/mes
/mes
Concelleiro Vias e Obras
Sr. Vilar
3.663,09 € /mes
Concelleiro Turismo 1.923,35 € /mes
Concelleira Serv. Sociais 1.749,43 € /mes
Concelleira Educación 1.555,06 € /mes
Resto Concelleiros goberno 1.224,26 € /mes
Concelleiros Oposición 380,00 € /mes

Ao comezo da lexislatura, os salarios foron aprobados en pleno cos votos favorables de PP e CMÑ. Como podedes comprobar, os políticos da nosa vila están moi ben pagados, quizais demasiado. Os importes dos salarios son excesivos se os comparamos co baixa produtividade do goberno: falta de xestión, ineptitude, poucas ideas, escasa dedicación, intereses persoais e partidistas, etc. O Sr. Almuíña logrou que Baiona acadara un dos maiores índices de paro da comarca, foi incapaz de aprobar o PXOU, abandonou as parroquias, deixou sen limpar as rúas e as praias, non fixo nada contra o incremento dos accidentes nas estradas, privatizou a xestión do pavillón de deportes, o punto limpo, o servizo de limpeza municipal etc. O goberno do PP, esgotado e incapaz de facer fronte ás situacións reais de Baiona, deixa moito que desexar.

EDUCACIÓN: O pasado 27 de decembro, avariouse a caldeira da calefacción do Colexio de Fontes. Con temperaturas que chegaron a acadar os 2ºC dentro das aulas, os pais negáronse a que os rapaces foran a clase. O Sr. Almuíña non foi quen de solucionar o problema ata o 2 de febreiro.

As súas promesas de reformar o colexio de Fontes quedaron nun arranxo cutre dos baños e das instalacións e este foi incapaz de conseguir boas inversións para un colexio que precisa dunha fonda reforma.

Semella que ao PP non lle parece importante a seguridade vial nos arredores dos colexios, a pesares de ter insistido desde o BNG nos plenos en repetidas ocasións. Tampouco lle importou ao Alcalde que os pais dos alumnos e alumnas se opuxeran a que se sacara a area do Colexio de Sabarís para parchear as praias da Ribeira e da Barbeira.

A Escola Infantil leva tres anos reclamando unha dobre porta de acceso e o Concello segue facendo oídos xordos.

A falla de interese por realizar periodicamente labores de mantemento nas escolas xunto co paso do tempo fan que o ensino público no noso concello sexa cada día máis mediocre.

Xosé Enrique Fernández Fernández

Portavoz municipal e candidato do BNG á Alcaldía

Comentarios (0) Mar 07 2011

Carta os Veciños de Baiona

Posted: under Novas BNG.

Estimados/as veciños/as

Este é o primeiro dunha serie de escritos que ides recibir nos próximos meses. A través destas cartas, queremos facervos partícipes dos acontecementos máis salientables e das decisións politicas máis importantes que se tomaron no Concello de Baiona nos últimos anos e que afectaron e seguen afectando de maneira directa a vida diaria de todos os veciños e veciñas.

Como ben sabedes, na nosa vila goberna o Partido Popular, encabezado polo Alcalde, o sr. Almuiña, xunto co seu socio, o sr. Vilar, de Coalición Miñorana.

Nunha democracia, as coalicions politicas deberían estar ao servizo do pobo, pero en Baiona sucede todo o contrario. Como podedes comprobar, o goberno que estamos a padecer non ten outro obxectivo que o de gobernar no seu propio beneficio así como para contentar a un puñado de amigos.

Hai case catro anos, no día da toma de posesión do Alcalde, o BNG manifestou que desde a oposición se fiscalizaría a acción de goberno, se faría un seguimento de todas as súas actuacións e se defenderían os intereses dos veciños e veciñas. Esta segue sendo a nosa responsabilidade.

Nestes últimos tres anos e medio, o BNG liderou a oposición: estivemos nas parroquias tantas veces como foi necesario para explicar proxectos tan complexos como o POL, o PXOU ou a Lei de Augas, fixemos un durísimo control do goberno municipal e, cando foi necesario, mobilizamos os veciños e veciñas para defender os seus intereses, é dicir os intereses de todos nós.

Sabemos que a estas alturas da lexislatura, moita xente está desilusionada polo incumprimento das promesas feitas polo noso Alcalde. Tamén sabemos que moitos de vós estades enfadados pola impotencia que sentides cada vez que acudides ao Concello cun problema e son incapaces de arranxalo.

Para o noso Alcalde, os intereses políticos e partidistas semellan estar por encima dos intereses dos veciños e veciñas. Unha proba disto é que, probablemente, non volvamos saber nada máis do PXOU ata despois das eleccións. Podedes estar seguros de que o PXOU leva moito tempo no caixón do Alcalde, pero en vésperas electorais non lle interesa expoñelo publicamente. Por que? Porque os veciños e veciñas castigarían co seu voto un documento tan nefasto como o que pretenden aprobar, un documento que só defende os intereses de catro particulares e dos especuladores do solo.Un documento pensado de costas á cidadanía para crear máis de 5.000 vivendas novas a prezos inalcanzables nunha vila onde unha altísima porcentaxe de vivendas están baleiras case todo o ano. Ao non poderen mercar eses pisos nin tampouco construír unha casiña nas terras dos seus pais, os nosos fillos acaban tendo que desprazarse a outros concellos limítrofes onde os prezos son máis baixos. Por que non se aproba un PXOU beneficioso para todos, un PXOU que se poida converter nun bo motor económico para as empresas e lle dea traballo a moitos homes e mulleres que hoxe en día están no paro en Baiona?

O noso Alcalde esqueceu as parroquias o dia seguinte de coller o bastón de mando. Desde a súa actitude de vítima, o noso Alcalde foi incapaz de conseguir as grandes inversións para Baiona que lle prometeu o seu compañeiro de partido e actual presidente da Xunta de Galicia, o sr. Núñez Feijóo. O noso Alcalde sométese sempre  aos intereses do PP que pretendía, co seu silencio, construír unha macrodepuradora en Cabo Silleiro. O noso Alcalde, en resumo, non ten a capacidade necesaria para defender os intereses de Baiona.

Xosé Enrique Fernández Fernández

Portavoz municipal e candidato do BNG á Alcaldía


Comentarios (0) Mar 02 2011