
Hoxe queremos facer pública a carta enviada o Obispado sobre a maneira de actuar que está tendo as pesoas responsabeis de cáritas no Concello de Baiona.
Ao coidado do Sr. Bispo da Diócese de Tui - Vigo
En calidade de voceiro municipal do BNG, diríxome a vostede para poñer no seu coñecemento a desafortunada situación que está levando adiante o colectivo humanitario de Cáritas en Baiona e que, segundo teño entendido, é da súa competencia ou, en todo caso, da súa responsabilidade.
Durante o reparto da propaganda electoral que realizamos polas casas da vila e das parroquias, recibimos varias queixas de veciñas que son usuarias habituais do servizo de Cáritas en Baiona.
Todos sabemos que cando se recorre a este tipo de servizo faise por extrema necesidade por atoparse en situacións moi difíciles. Tamén somos conscientes de que este tipo de actuacións son tremendamente delicadas e que os que as organizan e xestionan deben ser persoas moi altruístas e ben coñecedoras do que se traen entre mans. Este non é o caso de Baiona, xa que nos consta que a persoa que está ao cargo de tan delicada misión está a utilizar este servizo co obxectivo de rendabilizalo politicamente. Segundo as denuncias recibidas, pediu o voto durante a pasada campaña electoral mentres entregaba alimentos.
Esta situación supón, como vostede se pode figurar, que as persoas que reciben axuda desa institución se sintan certamente coartados a hora de decidir o seu voto.
Xérase ademais unha confusión de dando a impresión de que persoas reciben os alimentos dun determinado partido quen lles da de comer, en vez da institución Cáritas que depende da Igrexa da que forman parte persoas de todos os partidos políticos, incluído o que lle remite esta carta.
O día que o cura lle deu esta responsabilidade a esta persoa, moitas foron as freguesas que lle advertiron que non era a persoa máis adecuada debido simplemente aos antecedentes que tiña. Sen embargo, o párroco fíxolles caso omiso.
Supoño que compartirá a opinión de que non é de recibo que unha institución coma esta sexa desprestixiada por persoas sen escrúpulos para as que todo vale.
Como responsable político, teño a obriga de denunciar tal feito ante a opinión pública e de poñelo no seu coñecemento para que Vostede tome as medidas oportunas.
Agradecendo de antemán a súa colaboración, reciba un cordial saúdo.
Xosé Enrique Fernández
Voceiro municipal do BNG