Baiona queda sen Plan sectorial de Vivenda.

Posted: under Novas BNG.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, referiuse ao Plan Sectorial de Zona Residencial que hoxe presentou en Vigo, xunto á conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, como un “exercicio de imaxinación dende o poder democrático” e unha mostra de como se pode e debe poñer o autogoberno ao servizo do benestar dos cidadáns. Dixo que é un plan necesario especialmente no momento actual. “Non partimos dunha situación boa, xa que entre o ano 95 e o 2007 o prezo da vivenda libre subiu un 146% e boa parte desa vivenda construída neste período non foi utilizada por cidadáns que accedían por primeira vez a unha vivenda senón como segunda residencia ou con perspectiva de investimento especulativo”, explicou Quintana.

Tamén dixo que neste tempo se perdeu o sentido social da vivenda para convertelo nun mercado especulativo sen beneficio social do que deriva a crise actual. Fronte a iso, o vicepresidente avogou por poñer en marcha un novo modelo económico tamén en materia de vivenda porque “é un dereito dos cidadáns”. Concretou que este Plan Sectorial pretende “que haxa vivenda ao servizo da xente e evitar que siga habendo xente ao servizo das vivendas”, insistiu.

Ao mesmo tempo, dixo que a crise coloca a un sector importante para a economía do país como é o da construción nun momento complicado polo que dixo que este Plan pretende incidir en dous ámbitos: por unha banda, pretende dotar de carga de traballo ao sector da construción que tradicionalmente xerou emprego, e doutra banda, trata de colocar no mercado vivenda a prezo taxado para que as persoas con menos recursos poidan acceder a unha vivenda. Quintana recalcou que se trata dun “exercicio de imaxinación”, xa que, por primeira vez no Estado, un goberno autonómico usa as súas competencias para incidir no mercado do solo e aplicar unha fórmula urbanística que estaba na lei pero que era necesario aplicala. Quintana sinalou que “existen exemplos en todo o Estado de grandes plans de vivenda, seguramente ben intencionados e coa intención de cumprilos, pero que sempre esquecen algo evidente: as vivendas constrúense sobre solo, non sobre o aire e se non hai solo non hai vivenda”, apostilou. Por iso, lembrou que dos 315 concellos de Galiza, só 26 teñen neste momento planeamento urbanístico aprobado e adaptado á normativa e mesmo algúns dos que teñen planeamento, non teñen a necesaria reserva de solo para vivendas protexidas. “Se nos guiamos por isto, por moi boa que fose a intención do Goberno galego, sería imposible facer nada, e por iso con este Plan imos poñer en marcha unha fórmula que lle permite á Xunta de Galicia usar as súas competencias para cualificar solo residencial para vivendas protexidas mesmo en concellos que non teñen planeamento urbanístico, isto é a imaxinación ao servizo do poder democrático”, insistiu.

Ademais, o vicepresidente dixo que é bo que Galicia sexa pioneira na materia; e, por outra banda, considera que o Plano Sectorial “é importante tamén pola inxección económica que supón en momentos como os que estamos a vivir”. Explicou que comprende 97 actuacións en 57 concellos de todo o país, de cualificar 8,7 millóns de metros cadrados para uso residencial en vivendas protexidas e dun investimento de 1.530 millóns de euros. “Pero o bo é que este é un investimento radial porque cando se constrúe unha vivenda ponse en marcha todo un mecanismo que abrangue o conxunto da sociedade e que da traballo a medianas e pequenas empresas”, explicou que o investimento do Plan promoverá un volume de negocio de más de 4.500 millóns de euros e máis de 300.000 postos de traballo.

Quintana sinalou tamén que o Plan ten unha efectividade económica e social importante nun momento de crise como a actual, “constatado o fracaso da teoría do mercado libre para a vivenda ábrese o paso a un novo mercado no que a intervención pública garante que a xente poida ter acceso a unha vivenda, este é o cambio, facemos política para remover estruturas e construír unha nova historia para o país, unha historia que terá o seu papel en Vigo”, dixo o vicepresidente. Tamén concretou que o plan serve para construír espazos para vivir, polo que “en realidade chamaríalle Plan Sectorial para crear espazos para vivir”, porque, segundo Quintana prevé, ademais de vivendas, equipamentos e zonas verdes e servirá para construír cidade. Así mesmo, Quintana comentou que é unha boa oportunidade para sumar esforzos entre as institucións e o sector público e privado, “cada un no seu papel, o público definindo estratexias e regras e o privado con capacidade de xestión e de traballo”, sinalou.

O vicepresidente finalizou a súa intervención parafraseando a Castelao e pedindo “que ninguén cometa o erro de poñerlle tachas a obra antes de que estea rematada, xa que hai espazo para todos”, concluíu.

Área de Vigo
O Plan Sectorial Galego de Solo Residencial vai supor a construción de 15.200 novas vivendas na área funcional de Vigo. Levaranse a cabo en concreto 28 actuacións para construír 15.200 vivendas distribuídas entre 15 concellos: Cangas, Gondomar, A Guarda, Moaña, Mos, As Neves, Nigrán, O Porriño, Ponteareas, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño e Vigo, onde se localiza o 62% das vivendas previstas.

Dentro do Plan Sectorial determináronse as necesidades de solo esta área funcional de Vigo, que se cuantificaron en 59.000 vivendas, co que tendo en conta este dato, co Plan vaise atender o 26% desta demanda, superándose así o obxectivo inicial do 20%. Ademais da construción de 15.200 vivendas, as actuacións do Plan Sectorial comprenden tamén 917.000 metros cadrados destinados a zonas verdes, máis de 9.400 metros cadrados para viais e aparcadoiros e 352.000 metros cadrados para dotacións e equipamentos públicos. O orzamento previsto para todos estes proxectos é de 640 millóns de euros.

Baiona

O Delegado provincial da Consellería de Vivenda leva moitos meses insistindo tanto con Sr. Alcalde coma co Sr. Vilar para que Baiona tamén estivese incluida neste plan sectorial de Vivenda pero a súa negativa e o condicionamento de para poder entrar neste plan debería de ter aprobado o PXOU e acusar a Consellería de Política Territorial do non ter consteado o documento fixo que non fose posibel a súa inclusión.

Certo é que o novo PXOU está aínda no seus primeiros pasos, pero isto non é excusa para non aceptar a inclusión no Plan sectorial de Vivenda por parte do noso Concello, ademáis cando é este o Concello que máis demandantes de vivenda protexida de toda a comarca, ten o rexistro da Xunta.

Aquí domostrase unha vez máis o pouco interés que ten para o PP en Baiona e para o Sr. Vilar socio de goberno a creación de vivenda protexida no noso Concello. Sabído é por todos tamén a situación da finca dos Tendais, onde tamén a Consellería de Vivenda a través do seu Delegado, Eudosio Álvarez propuxo xa en maís de unha ocasión a construción alí de vivendas de promoción autonómica, incluso cedendo o uso dos baixos para poder adaptalos a un posibel Auditorio.

Comentarios (6) Out 31 2008

Chegou o día das Alegacións o PEPCHAB

Posted: under Novas BNG.

Despois de 2 meses de traballo, o BNG presenta as alegacións o PEPCHAB, son as seguintes:

alegacion-pepchab-bng

Hoxe as 13 Horas o BNG dará unha rolda de prensa ós medios.

Comentarios (1) Out 28 2008

Chegará o Cernaías a Baiona?

Posted: under Novas BNG.

O BNG VALORA “OS PASOS ADIANTE”, MAIS INSTA A “ACELERAR O TRASPASO DAS VÍAS E A CREACIÓN DUN SERVIZO DE CERCANÍAS”

O presidente da Xunta responde a Carlos Aymerich que éste é “un obxectivo irrenunciábel do goberno galego”

O portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich urxíu onte na súa intervención no pleno do Parlamento á creación dun ente ferroviario galego e dun servizo de cercanías propio.

O deputado nacionalista destacou o compromiso do goberno galego coa mellora do transporte público, reflectido nos orzamentos para 2009 e nomeadamente, comprometido coa creación dun servizo de cercanías ferroviario “para a reparación dunha inxustiza histórica, xa que Galiza é a única comunidade que non conta con un servizo fundamental”.

De feito, Aymerich lembrou que o estado presta, a través de Renfe, os seus medios este servizo en moitas comunidades autónomas desde hai anos e indicou que o compromiso do goberno galego se plasma tanto no programa de goberno, como nas directrices de ordenación do territorio ou diferentes iniciativas que foron apoiadas polos grupos que sustentan o goberno.

Tamén se referíu o portavoz parlamentar do BNG a unha pergunta anterior que o nacionalista fixo ao presidente da Xunta na que Pérez Touriño anunciou a creación dun ente xestor ferroviario galego que tería entre as súas competencias a prestación dos servizos de proximidade.

“Alto interese estratéxico do servizo para Galiza”

O nacionalista amosou a súa satisfacción por “os pasos á fronte que se teñen dado, sinaladamente a moción aprobada no Congreso dos Deputados, formulada polo BNG, na que se instaba ao goberno a manter as vías férreas que queden fóra de uso pola abertura dos novos trazados de alta velocidade, a traspasar esas infraestruturas á Xunta, interconectar ambas as dúas redes e a que o goberno galego pariticipe na planificación e na programación de infraestruturas ferroviarias”.

Esta aprobación “é un paso na boa dirección e estáse a camiñar na liña marcada tamén polo goberno galego”, polo que instou a “acelerar o traspaso, non só das vías, senón do servizo de cercanías”.

Na súa resposta, o presidente asegurou que a creación deste servizo é “un obxectivo irrenunciábel deste goberno que imos seguir reclamando con toda contundencia”, ao tempo que amosou a súa convicción de que este compromiso se materializará na vindeira lexislatura.

Pérez Touriño coincidíu con Carlos Aymerich na relevancia deste servizo “para desconxestionar as estradas e aproveitar o potencial decisivo do tren”, polo que o goberno ten realizado xestións para manter o uso das vías inutilizadas e obtivo “o compromiso por escrito de Renfe de que non se vai levantar ningunha desas vías”.

Renfe comprométese por escrito

O presidente da Xunta revelou a existencia dunha resposta escrita por parte do ente público no 13 de outubro na que se recoñece “o alto interese estratéxico que para a Xunta ten a implantación do servizo de cercanías, asi como o interese de Renfe en atopar fórmulas que permitan avanzar no deseño dun servizo de cercanías”.

O deputado nacionalista asegurou que a materialización deste compromiso dará resposta ás demandas de centos de veciños de concellos como Portas, Arcade, Cesantes ou Guísamo, que teñen reclamado o mantemento destas vías, mais tamén incidíu en que ésta é “unha aposta de futuro”.

O nacionalista amosou a súa esperanza de que “a presión do goberno galego venza as vellas resistencias de Renfe que alude á ausencia de demanda para evitar a creación deste servizo esquecendo que, se non hai servizo, non pode haber demanda”.

Baiona e o Val Miñor precisan deste servizo.

Nas alegacións presentadas polo BNG ó Plan Integra xa comentabamos entre outras cousas a necesidade de poder contar con un servizo de Cercanias para a comunicación con Vigo e que para nada aparecía reflexado no Plan da Consellería de Política Territorial, é por eso polo que o BNG de Baiona espera que se poida algún dia facer realidade.

Comentarios (1) Out 22 2008