O BNG quere protexer a Serra da Groba

Posted: under Novas BNG.

Serra da Groba

Despois de moito insistir o conseguimos, fomos quen de sacar unha postura clara en contra do proxecto do parque eólico Abariño I na Serra da Groba, por parte do BNG, un gran traballo de información e concienciación fixeron posibel que hoxe o BNG manifeste nos medios a súa postura.

Tamén se acordaron nos organos comarcais de dirección do BNG, proceder á elavoración dunha moción, proposta da alcaldía ou acordo na Comisión de Goberno, segundo o caso, para ser presentada en todos os concello afectados pola instalación do parque eólico co fin de solicitar/acordar (os gobernos municipais) a elaboración dun informe o máis exhaustivo posibel para remitir ás consellería que deben emitir os informes sobre a viabilidade do parque, e esixir das mesmas a elaboración dun estudo das repercusión do desenvolvemento do parque en toda a súa extensión.

Achegovos o comunicado que foi enviado os médios de comunicación:

BNG DO BAIXO MIÑO E VIGO INSTAN Á CONSELLARIA DE MEDIO AMBIENTE A GARANTIR A DEFENSA DA SERRA DA GROBA


Os Consellos Comarcais do Baixo Miño e Vigo instan á Consellaria de Medio Ambiente a que o seu informe sexa o máis riguroso posible cara a garantir a protección natural da Serra da Groba.

O proxecto de instalación do Parque Eólico Albariño I, que afecta aos concellos de Gondomar, Oia, e moi especialmente aos de Baiona e Tomiño, enmárcase dentro das actuacións promovidas polo plano eólico do anterior goberno da Xunta de Galiza que no seu decreto 302/2001 regulaba o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O devandito plano eólico demostrouse un exemplo significativo dun xeito de proceder pensado exclusivamente para beneficiar ás empresas, sen establecer mecanismos de control que permitiran avaliar rigurosamente a necesidade das actuacións propostas ou o impacto que xerarían sobre o entorno. Deste xeito permitiuse a implantación de muíños xeradores en lugares especialmente delicados polo seu valor medioambiental, cultural, patrimonial e paisaxístico, sen adoptar ningunha medida encamiñada a minimizar ou corrixir o impacto.

Ante esta situación, o BNG apoia os esforzos que desde a Consellería de Innovación e Industria se están a facer, na súa aposta por un modelo eólico pensado nos intereses de todos os galegos e galegas e respectuoso co noso medio natural que permite corrixir as grandes eivas do anterior e que ten en conta as necesidades reais de consumo enerxético e de desenvolvemento económico de Galiza.

Igualmente desde o BNG pidese á Consellaría de Medio Ambiente que sexa o máis rigurosa posible á hora de elaborar os informes que se refiren aos parques que foron autorizados dentro do modelo eólico do anterior goberno do PP e que están a ser construidos na actualidade

Asinado:

Mª Manuela Rodríguez Pumar

Responsábel Comarcal BNG Vigo

Alberte Alonso Pereira

Responsábel Comarcal BNG Baixo Miño

Comentarios (0) Abr 30 2008

A CiberIrmandade da Fala pídelle a Audasa máis respecto polo galego

Posted: under Novas BNG.

rande

Audasa e Autoestradas de Galicia, ambas pertencentes ao grupo Sacyr Vallehermoso, son as empresas responsábeis da construción, conservación e explotación das autoestradas feitas no noso país desde o ano 1975.

Nunha sociedade que depende na meirande porcentaxe do coche e ten que empregar estas autoestradas sen alternativa, estas empresas teñen o negocio asegurado cós 206 km da autoestrada, AP9, que unen Ferrol con Tui (16 € por turismo), presumindo, ademais, de xestionar o eixo que da servizo a 5 das 7 urbes galegas e a máis de 1 millón e medio de cidadáns.

O feito de que se lucren en territorio galego non os fai sensíbeis á cultura galega, como amosa o feito da ausencia da nosa lingua na atención directa ao cliente ou na súa páxina web.

Animámoste a que envíes o seguinte prego pedíndolles respecto a nosa lingua , e a reenviar esta mensaxe a amigos sensibilizados có idioma.

Comentarios (0) Abr 29 2008

Condeno mi nación de Origen. Con Denomicación de Origen.

Posted: under Novas BNG.

Con este xogo de palabras comezou unha fin de semana na cal todos tivemos dous temas na nosa cabeza. A Feira de Abril e os Mariñeiros do Playa de Bakio.

Pola mañá, comezaba a Asociación Cultural o Ximbaleu co seu 1º Serán a Beiradomar. Baiona 2008, coas regueifas de Benito Lobariñas e Luis O Caruncho, facendo referencia tanto a Feira de Abril como os Mariñeiros baioneses secuestrados.

Todo transcurria nun ambente festivo, reivindicativo e de respeto cando xa pola tarde nos abordou a noticia de que os mariñeiros do Playa de Bakio tiñan sido liberados. Daquela, Xose Lóis Vilar, o preto de un cento de gaiteiros e pandereteiras que naquel momento se atopaban tocando e máis os numerosos espectadores que alí se atopaban, comunicou a liberación e un estruendoso aplauso invadiu as rúas do Casco Vello, namentres as persoas que se atopaban na carpa da Feira de Abril eran ignorantes desta nova nova.

A presentación da Asociación Cultural O Ximbaleu non podía ser mellor.

Comentarios (0) Abr 28 2008

O Día da Liberdade non é chegado a Baiona

Posted: under Novas BNG.

Hoxe e feirado no noso veciño Portugal, e en Baiona podélo comprobar nas nosas rúas, máis hoxe en Baiona non podemos estar ledos xa que temos a dous veciños nosos secuestrados no “Playa de Bakio”.

Xa levan 6 días retidos e todavía non sabemos cando poderán quedar ceives, non sabemos cando volveran a estar entre todos nós.

¿Cándo poderemos celebrar nós o día da liberdade dos nosos veciños?

As informacións que nos chegan son contradictorias, unhas din que as negociaciacións van por bó camiño, outras que están estancadas. Non nos queda outra máis que esperar e desexar que todo se resolva o antes posibel.

O único que podemos facer é respetar as decisións dos familiares e agardar.

Comentarios (0) Abr 25 2008

A polémica está na rúa.

Posted: under Novas BNG.

Ollade e valorade vós mesmos.

Noticias Serán da TVG.

A Voz de Galicia.

Faro de Vigo. (recomendamos que leades os comentarios desta nota de prensa).

Val Minor.Info.

Baiona Consciente.

Vieiros.

Comentarios (0) Abr 25 2008

Benvido Ximbaleu

Posted: under Novas BNG.

seran

Un novo colectivo cultural se presenta en Baiona con un manifesto sobre a improcedencia da celebración da Feira de Abril en Baiona, e facendo un acto cultural reivindicativo da nosa cultura e tradición, por iso anuncian a participación de grupos de gaitas, pandeiretas, poetas e regueifeiros no que denominará 1º SERÁN Á BEIRA DO MAR – BAIONA 2008.

O BNG de Baiona aplaude esta iniciativa a anima a todos e todas a participar este sábado nesta a nosa Festa.

Comunicando de Ximbaleu:

SOBRE A IMPROCEDENCIA DA FEIRA DE ABRIL EN BAIONA

 

 

Os días 25, 26 e 27 de abril de 2.008 a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), o Concello de Baiona e Escola de Flamenco de Baiona están a preparar a 1ª Feira de Abril en Baiona remedando a aquela de Sevilla. Segundo se fala por aí, pois pouco se sabe, serán tres días de actividades con carrozas de cabalos, música ambiental, xa sabedes de cal, actuacións nun gran toldo,casetas,…. nun gran esforzo da Concellería de Cultura do Concello de Sevi.., perdón Baiona.

         Está ben que a Escola de Flamenco de Baiona mostre os seus bailes como fan outras escolas de baile de Baiona, ou os alumn@s de tai-chi ou as magnífic@s costureir@s que fan traxes para a Arribada. O que parece non estar ben e que se lle dediquen tres días a esta festa cos cartos do orzamento da cultura do concello e dos que aportan comerciantes e empresarios á súa asociación.

Claro que é necesario dedicarlle unhas horas á Escola de Flamenco, ninguén o dubida, para que os seus membros, dirixidos por esa grande profesional que é Tatiana, a neta de señora Amelia A Curuxeira, mostren as súas habilidades bailaoras.

         Poderíamos entender esta festa no medio dun maremágnum de expresións de distintas culturas, pero sempre prevalecendo a nosa. O problema xurde cando os rexedores do noso benquerido Concello organizan no propio Día das Letras Galegas a Festa da Bicicleta, non haberá días no ano!, no canto de adicar ese día, esa semana e todo o ano, a actos lembrando a figura de  Xosé María Álvarez Blázquez, con vinculacións miñoranas e incluso baionesas. Tamén se podería o Día das Letras artellar unha Feira do Libro, dentro da rede de Feiras Culturais, ademais subvencionadas pola Xunta (ollar DOG 9/abril/2008). Ou cando pretenden que o futuro Museu de Baiona se convirta nunha pequena Casa das Américas esquecendo toda a inmensa cultura mariñeira do noso pobo. En fin, son necesarios  actos que pulen pola nosa cultura, actos que pulen por Baiona, sen intentar ser o que non somos.

         Cremos polo tanto que é unha irresponsabilidade social e cultural a organización desta Feira. Non esquezades, gobernantes, comerciantes e empresarios que os mariñeiros de Baiona manteñen viva logo de máis de 500 anos a Danza das Espadas expresión gremial enorme, chea de forza e aproveitando isto organizar, por exemplo, unha xuntanza encontro ou se queredes chamádelle feira de danza de espadas da Península Ibérica. Acordádevos do noso que o tedes esquecido e abondo traballo custou manter vivo este baile orgullo dos que nos sentimos baioneses e temos claro a Baiona e O Val Miñor que queremos.

Por todo isto, cidadáns baioneses que integran a Asociación Cultural Ximbaleu, no convencemento de que a sociedade non se articula só desde a clase política senón que a súa organización civil ten moito que dicir, por isto anunciamos que en Baiona o sábado 26, desde as 12h ás 24h percorrerán as rúas e prazas da vila grupos de gaitas, pandeiretas, poetas e regueifeiros no

 

1º SERÁN Á BEIRA DO MAR · BAIONA`08

Baiona 26 abril 2008 ·Asociación Cultural Ximbaleu·

Comentarios (2) Abr 23 2008

O BNG defende no estado intereses dos Baioneses.

Posted: under Novas BNG.

playa de bakio

DAVILA SOLICITA AS COMPARECENCIAS NO CONGRESO DE ESPINOSA, MORATINOS E CHACÓN PARA QUE INFORMEN DA SITUACIÓN DO ATUNEIRO SECUESTRADO “PLAYA DE BAKIO”

A deputada do BNG quer que o Goberno explique que medidas ten previsto adoptar no futuro para evitar estes actos de piratería e garantir a seguridade dos pesqueiros que faenan en augas internacionais de Somalia

Madrid, 22 Abril 08. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou esta mañá as comparecencias dos Ministros e Ministras que compoñen o Gabinete de crise creado no Goberno debido ao secuestro o pasado domingo do pesqueiro vasco “Playa de Bakio” en augas internacionais de Somalia, a 230 millas da costa somalí.

En concreto, a deputada do BNG pede a comparecencia da Ministra de Medio Rural, Medio Ambiente e Medio Mariño, Elena Espinosa, a da Ministra de Defensa, Carme Chacón, e a do Ministro de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos.

Davila quer que estes membros do Goberno comparezan na Cámara Baixa para informar da situación do barco atuneiro “Playa de Bakio”, das actuaciónes levadas a cabo polo Executivo para a liberación dos 26 mariñeiros secuestrados e con vistas ao futuro, quer que expliquen que medidas ten previsto adoptar o Goberno para evitar estos actos de piratería e garantir a seguridade dos pesqueiros que faenan nesas augas.

Comentarios (0) Abr 22 2008

Polémica coas Normas de Hábitat Galego (NGH)

Posted: under Novas BNG.

O obxectivo das Normas do Hábitat Galego (NGH) é mellorar a calidade das vivendas que se constrúen en Galiza e, por tanto, a calidade de vida dos galegos e galegas, tendo en conta, ademais, que se trata do maior esforzo económico que deben afrontar as persoas ou familias.

As normas estabelecen as calidades mínimas que deben reunir as vivendas que se constrúen neste país, para obter unhas vivendas:

·        Máis amplas, con máis superficie, porque nunca as vivendas foron tan pequenas e tan caras,

·        Exteriores, con máis iluminación natural e máis soleadas,

·        Máis accesíbeis para a xente maior, -porque todos/as aspiramos a envellecer na nosa casa-, e para persoas con mobilidade reducida, temporalmente ou non, accesíbeis para as persoas que se desprazan en cadeiras de rodas,

·        Mellor integradas no territorio que nun edificio onde compras unha vivenda cun esforzo económico moi elevado e despois deixa os baixos con ladrillo sen revestir durante anos e anos co impacto visual que iso provoca.

Exemplos de  melloras:

  • Incremento da superficie mínima: de 26 a 40 metros cadrados útiles (+83%). Curiosamente esta superficie mínima para as vivendas dun dormitorio xa é exixíbel nas vivendas protexidas desde 1978.
  • Incremento de todas as estancias: cociña de 7 metros a 9 (28%), o dormitorio dobre de 10 a 12 metros cadrados (20%), a zona de día (estar-comedor-salón) pasa de 16 a 21 metros cadrados (31%), o baño de 2 a 5 metros cadrados, para que poda ser usado por persoas en cadeiras de rodas. Ademais, a disposición dos aparatos sanitarios deberá ser tal que permitirá convertelo nun baño de uso adaptábel para persoas con mobilidade reducida segundo a normativa de accesibilidade.
  • Incremento da calidade dos patios interiores: para ganar máis iluminación. Até agora 9 metros cadrados, con esta nova norma o mínimo será 16 metros cadrados. A vivenda protexida xa ten patios de mínimo 16 metros cadrados desde 1978. A vivenda libre que é moito máis cara dispón de patios ínfimos de 3 x 3 metros.
  • Incremento de ancho de corredores, de portas, da altura libre entre solo e teito: todo en aras de mellorar a accesibilidade. Ironicamente se preguntan os promotores e o PP se é que os galegos imos ser máis altos co resto dos españoles. Resulta que non podemos ter vivendas de máis calidade espacial até que o determinen noutras partes do Estado, Galiza non pode ir a vangarda en materia de calidade, segundo o PP e promotores.
  • Todas a estancias serán exteriores, con algunha excepción que, nese caso, debe dar a un espazo interior ou exterior de calidade.
  • Os ascensores deben comunicar a vivenda co garaxe e co rocho.
  • Os garaxes deben ter espazo suficiente para saír e poder esperar para incorporarse a calzada sen invadir a beirarrúa. Tamén se incrementan as dimensións das prazas de garaxe.

Unha normativa tan positiva para o conxunto dos cidadáns e das cidadás está loxicamente logrando o apoio e respaldo de organizacións sociais que aspiran a mellorar a calidade da vivenda: organizacións de discapacitados/as, organizacións ambientalistas, o Colexio Oficial de Arquitectos, etc… Tan só o Partido Popular, algúns alcaldes do PSOE e algúns promotores cuestionan a normativa por razón de intereses partidistas ou gremiais, pero non de interese xeral ao que nos debemos os/as representantes dos cidadáns e das cidadás.

A NHG non invade ningunha competencia dos concellos, senón que aposta por vivendas de máis calidade actualizando unha normativa -o Decreto de Habitabilidade 311/1992 até agora en vigor- que está obsoleta e que non responde ás exixencias de calidade da sociedade galega actual que ve como na última década se incrementou o prezo da vivenda nun 300% sen que iso supoña un incremento na calidade. Tratouse dun incremento do prezo especulativo, sobre todo derivado da especulación do solo. Ninguén se preocupou de que ese incremento disparatado repercutise tamén na calidade das vivendas dos galegos e galegas, e non  é de recibo que sexan de novo os galegos e galegas os/as que teñan que esperar para ter vivendas mellores, agora que os beneficios xa non poden ser especulativos.

Por todo isto, resulta sorprendente e inaudito que unha forza política, o Partido Popular, se opoña e pida a derrogación dunha norma do Goberno galego que só pretende mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas con vivendas de máis calidade, e non se pronunciase ao longo destes anos sobre ese incremento exponencial e especulativo do prezo da vivenda nin se preocupase pola calidade das vivendas e agora pretenda derrogar esta normativa.

Neste sentido, ao redor do debate do decreto Hábitat queda evidenciado que hai unha forza política, o BNG, que desde o goberno se preocupa por mellorar a calidade de vida da maioría dos veciños e veciñas do país. Fronte a esta actitude, temos a do Partido Popular que utiliza a súa representación, non para defender e traballar polos intereses da maioría social e das persoas que máis precisan unha vivenda e que esta sexa de calidade, senón que se erixen nos portavoces e defensores de intereses particulares e de pequenos grupos de presión.

Rexeitamos tamén a acusación de invasión das competencias municipais, aínda que neste aspecto, serán os tribunais, pola decisión do PP e do PSOE na Fegamp, os que clarificarán o aspecto competencial no seu momento. Con todo sorprende que se alegue invasión de competencias neste caso e non cando se aprobou a Lei do Litoral, que si afecta a elaboración dos plan xerais.

 

En definitiva, o BNG aposta por unha política de vivenda pensada nos intereses de Galiza e das maiorías sociais sen supeditarse a intereses particulares ou gremiais. Sabemos que as políticas de transformación social sempre provocan contestación dos que non desexaban os cambios ou dos que pretenden que os cambios sexan de persoas pero non de políticas.

Podedes consultar neste enlace a entrevista que a WEB do BNG lle faí á conselleira de Vivenda e Solo sobre o decreto de Normas do Hábitat Galego.


http://www.bng-galiza.org/opencms/opencms/BNG/global/seccions/portada

 

Comentarios (0) Abr 21 2008

As Normas de Hábitat Galego

Posted: under Novas BNG.

Normas de Hábitat Galego

A aprobación das Normas do Hábitat Galego -que entran en vigor a partires de hoxe xoves 17 abril- determinará unha serie de obrigas para os construtores de vivendas. O BNG, desde a súa responsabilidade de goberno, aposta por situar ao noso país na vangarda da calidade arquitectónica a nivel de Estado, así como garantir o dereito á vivenda que asiste a todos os galegos e galegas para facer efectivo o cambio galego polo que tantos cidadáns apostaron nas pasadas eleccións autonómicas.

Destacan dentro das medidas o aumento da superficie mínima de 26 a 40 metros cadrados; a obriga de que todas as estancias sexan exteriores, con excepcións definidas; ou o incremento de anchura nos corredores e nas portas, así como o espazo entre teito e solo, entre outras. Esta normativa, promovida pola consellaría de Vivenda e Solo que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, está suscitando a oposición de algúns representantes dos construtores e tamén da Fegamp, presidida por Carlos Fernández, do PSOE, dando lugar unha pinza PP-PSOE contra a consellaría dirixida polo BNG.

O BNG considera que esta lexislación dá forma a unha política de vivenda progresista e avanzada, acorde coas demandas da sociedade galega e aproveitando ao máximo o noso autogoberno. Por iso, está recibindo apoios de sectores como a Cogami, os colectivos ecoloxistas ou a directiva do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza. O BNG aposta por unha política de vivenda pensada no interese colectivo. O obxectivo dos nacionalistas galegos é gobernar para todos, pero somos conscientes de que ás veces non se pode contentar todos.

Precisarvos que a entrevista coa conselleira Táboas está publicada no xornal A Nosa Terra e se pode consultar nesta ligazón. Así mesmo, podedes consultar o encontro dixital de Tereixa Táboas que tivo lugar na edición dixital de La Voz de Galicia.

Comentarios (0) Abr 18 2008

A Serra da Groba na Rede Natura 2000.

Posted: under Novas BNG.

Cabalo Outeiro dos Lameiros

Sos – A Groba, Verdegaia, ADEGA, ASCEL, Ecologistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, Greenpeace España, Grupo de anelamento Anduriña, Matar por Matar Non, Salvemos Monteferro e Syme veñen de solicitar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible a inclusión da Serra da Groba na Rede Natura 2000.

A Serra da Groba actualmente non conta con ningunha figura de protección pese a contar con numerosos e importantes valores naturais que a fan merecedora de ser incluída na Rede Natura 2000. Entre os motivos alegados para solicitar que pase a formar parte desta rede europea de espazos protexidos son os elevados valores faunísticos, botánicos, xeolóxicos e arquelóxico-etnográficos cos que conta esta serra. O L.I.C. Serra da Groba constaría de seis zonas unidas por corredores naturais. Estas zonas correspóndense con áreas da serra da Groba con especial valor ambiental, onde á presenza de hábitats de interese comunitario úneselle a existencia de hábitats calificados como prioritarios, e a de especies animais e vexetais de especial valor. Na nosa proposta consideramos unha área de protección en torno a estes espazos para evitar que se acaben por converter en illas rodeadas dun entorno grandemente alterado. As comunidades vexetais de protección prioritaria que encontramos na serra da Groba, ademais, desenvólvense arredor de humedais, altamente sensíbeis a alteracións de orixe antrópica. Identificadas as zonas de maior valor ecolóxico, procuramos que non se rompera a continuidade entre as mesmas, estabelecendo no seu caso corredores naturais. Estes corredores coinciden coas áreas máis elevadas da serra, fuxindo na medida do posíbel das zonas máis degradadas a nivel ecolóxico, como é o caso dos monocultivos de eucalipto.

Dende o BNG de Baiona queremos amosar o noso apoio incondicional a inclusión da Serra da Groba na Rede Natura 2000, este non deixa de ser outro intento para conseguir que a Serra da Groba pase a ser un espazo natural e cultural a conservar e potenciar, e por outra banda, non deixa de ser outro intento para que o parque eólico Albariño I non se instale na nosa Serra.

O BNG de Baiona foi o único grupo político que dende o primeiro momento se movilizou e posicionou na defensa da Serra da Groba, ata o punto de ser un integrante máis da plataforma Sos A Serra da Groba e elevar o devate dentro BNG para conseguir un posición clara e común.

Comentarios (0) Abr 17 2008