Cabodano da Volta dos Nove de Baredo

inauguracion da volta dos nove

Na vila de Baiona, provincia de Pontevedra ás dezaseis horas e dez minutos do día dezaseis de outubro de mil novecentos
trinta e seis, perante don Manuel Quintero Vilar, Xuíz municipal, e don José Rial e Rial, secretario, procédese a inscribir o
falecemento de don Manuel Aballe Domínguez de idade corenta e un anos natural de Panxón, Nigrán, provincia de Pontevedra, fillo de don Modesto Aballe Macaya e de dona Benita Domínguez Salgueiro, co enderezo en Panxón, de profesión mariñeiro, de estado casado con Antonia Rial Beiro natural e veciña do dito Panxón e de corenta e un anos de idade, deste matrimonio en únicas nupcias deixa dous fillos menores de idade chamados Eugenio e Víctor Aballe Rial; faleceu nesta vila á beira da estrada de Pontevedra a Camposancos no día de hoxe a iso das tres a consecuencia de hemorraxia cerebral segundo resulta de información facultativa en méritos de autopsia e recoñecemento practicado e o seu cadáver hase enterrar no Cemiterio de Baiona.

Así reza o libro de defuncións do Rexistro Civil e as seguintes oito follas están ocupadas pola certificación de morte de oito homes máis, en total sete mariñeiros, un ferreiro e un labrego, todos de Panxón e Baiona. Todos aparecidos no quilómetro  58 da estrada que vai á Guarda, pouco despois da Virxe da Rocha que escoitou os disparos de falanxistas e garda civil de Baiona asasinando aos seus veciños. Aínda hoxe hai testemuñas abondo de quen foron os verdugos e quen e como os levaron e trouxeron á mañá seguinte cantando enriba deles aquilo de “ella murió, sin colear, ya la llevan a enterrar” que se cantaba
no enterro da sardiña. Asasinados, burlados e maltratados á hora de soterralos nunha foxa común preto dos tamén mariñeiros noruegueses do Aslaug.

Matáronos á altura da Enseada da Bombardeira, desde aquela tamén Enseada dos Nove e o propio lugar é xa A Volta dos Nove, desde outubro de 2005 un lugar de natureza e arte co traballo de Fernando Casás, unha árbore, un plátano, coas pólas tronzadas, todo en bronce no medio dun bosquiño de 45 loureiros árbores dos vencedores. Lugar de arte, natureza e reflexión. Alí por hemorraxia cerebral, intracerebral, abdominal, torácica, intraabdominal, intratorácica e por destrución cefálica, é dicir, por un tiro na cabeza e outro no peito deixaron viúvas e un feixe de fillos o xa dito Manuel Aballe Domínguez e mais Felicísimo Antonio Pérez Pérez, José Rodríguez González, Félix Leyenda Rodríguez, Elías Alejandro Gonda Alonso, Generoso Valverde Iglesias, Manuel Barbosa Durán, Modesto Fernández Rodríguez e Manuel Francisco Lijó Pérez.

Chuzame! chuzame -

Deixanos o teu comentario