Resumo do Pleno de Outubro

O pasado xoves 4 de outubro celebrouse o pleno do Concello, coma sempre ás doce da mañá, para que poucos poidan ser os asistentes. Nin tan sequera puido asistir a prensa, debido á coincidencia co pleno do Concello de Gondomar.
Estes son os puntos máis destacables da orde do día: O Parque Eólico, a solicitude de retirada da peaxe na Autoestrada e a designación dos Festivos Locais para o 2008.
Parque Eólico
Todos os grupos da Corporación secundaron o rexeitamento á instalación do Parque Eólico Albariño I na Serra da Groba. Curiosamente no período de alegacións fomos o único partido político do Concello que as presentou.
Retirada da peaxe da Autoestrada
A moción, presentada polo BNG, contou cos votos favorables de todos os grupos, agás do PSOE. Nesta moción, dispoñible no noso blog, o BNG solicita que tras a construción dos novos enlaces do Val Miñor que permitirán intercomunicar Baiona, Gondomar e Nigrán, estes tramos estean exentos de peaxe e que, así mesmo, se liberalice a peaxe da autoestrada do Val
Miñor. A poboación de Baiona non pode seguir soportando un imposto indirecto nunha vía de comunicación imprescindible para o desenvolvemento do noso concello. Desde o BNG sempre se aposta por un incremento dos servizos públicos fronte á inxustiza dos gravames ao consumo.
Festivos Locais
Poderíamos considerar este tema coma un debate administrativo, pero denota o grave desprezo do Goberno Municipal
ás nosas parroquias. O BNG defendeu que, ademais do xa tradicional San Cosme e San Damián, o segundo día festivo fose cada ano unha das festas parroquiais baionesas. A nosa proposta non prosperou ante a negativa do PP que argumentou que
este sistema rotativo produciría confusión. Vaga escusa, posto que os demais concellos do Val Miñor levan anos apostando por este calendario festivo que funciona con total normalidade. Por que teñen que ser os festivos locais da nosa vila patrimonio exclusivo do centro de Baiona?
Deixamos o enlace á acta do Pleno de Outubro.
chuzame -