Cabodano das cheas en Sabarís

No cabodano das cheas do 2006 en Sabarís, queremos denunciar ante a opinión pública a falla de seriedade das Consellerías de Medio Ambiente e Política Territorial da Xunta de Galiza, así como a actitude pasiva e de desinterese por parte do Sr. Alcalde Jesús Vazquez Almuiña, no referente ás obras pendentes por realizar en Sabarís para resolver o problema das enchentes.
Por parte da Consellería de Política Territorial, quedan traballos por resolver, como a permeabilidade da estrada polo litoral á altura do Camiño das Monxas que resulta ser o punto máis crítico das inundacións e o que provoca máis repercusións nas vivendas dos veciños e veciñas.
Por outra banda, a Consellería de Medio Ambiente, non dá continuidade ao desdobramento soterrado do río Groba á
altura do Mercado. Asemade tampouco sabemos se xa existe algún tipo de acordo cos propietarios afectados, xa que despois
do pasado mes de maio, deixáronse de convocar as comisións de seguimento que anteriormente tiñan lugar unha vez á
semana. Parece que o interese do Alcalde acabou pasadas as eleccións municipais.
A cuestión é que xa pasou un ano desde que Sabarís viviu as peores inundacións da súa historia e que despois de tantas
promesas, as obras urxentes que ían levarse a cabo aínda están sen rematar. Por culpa duns e doutros, parece que os
veciños e veciñas de Sabarís van pasar outro inverno, pendentes de se chove moito ou se chove pouco. Namentres, os responsables desta situación, seguirán pensando en rendabilizar en votos esta situación para seguir aferrándose ao poder.
chúzame -