O Parque Eólico pendente de Medio Ambiente

Despois de presentar alegacións argumentadas contra o parque eólico e terse reunido con especialistas de todos os ámbitos afectados polo proxecto e cos representantes das institucións autonómicas, o BNG segue rexeitando que Eurovento enganara aos veciños promovendo a inocuidade de xigantescos aeroxeradores amparándose no Real Decreto 302/2001 establecido polo goberno do PP e que a actual Consellería de Innovación e Industria rectificará.
A inminente construción de Albariño I no terreo queimado nos incendios do 2006 está pendente do informe da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, posto que segundo os dubidosos informes presentados pola empresa a instalación de 21 muíños de máis de 125 m de altura non supoñen impacto ambiental algún.
A Serra da Groba será masacrada por Albariño I en nome da ecoloxía co visto e prace do plan eólico do PP do 97 contra o que a Consellería de Industria ten pouco que facer salvo que Medio Ambiente reflicta no seu informe o verdadeiro patrimonio da nosa serra que debe ser considerada como un Espazo Natural Protexido rexional, nacional e internacionalmente.
Eurovento, de capital español e xaponés, proxecta ocupar máis de 2 millóns de m2 urbanizando o monte dun xeito abusivo e especulativo, instalando 21 aeroxeradores sobre cadansúa plataforma de formigón de 225 m2. Para construílo, a multinacional creará máis de 20 km de pistas de 6 m de ancho, con gabias laterais de 1 m de ancho e 0,5 m de fondo. Para o transporte soterrado da enerxía eléctrica, necesitaranse máis de 25 km de condutos de 1 m de fondo.
No aspecto arqueolóxico e etnográfico subliñaremos que os informes omiten a presenza de cantidade de puntos arqueolóxicos e que nin mencionan a existencia dos curros de cabalos, cando as nosas autoridades presumiron dos 2500 cabalos de pura raza galega na súa solicitude ante a Unesco para que o patrimonio inmaterial do Sur de Galicia e Norte de Portugal fora declarado Patrimonio da Humanidade.
O BNG é consciente de que as enerxías renovables representan un salto cualitativo considerable, pero é preciso que este salto non beneficie de novo aos capitalistas que ven nos parques eólicos o xeito de enriquecerse amparados por unha teoría ambiental sospeitosa nalgunhas ocasións. Despois de Paxareiras, Montevós, O Vicedo, Virxe do Monte, A Ruña, Adraño, Ameixenda, Filgueira, Currás, Deva e demais parques construídos ou en proceso de ampliación en Galiza, o BNG rexeita que as empresas de enerxía eólica segan escribindo a historia da metamorfose paisaxística do noso país.
chuzame -
Baiona Consciente » A oposición debate dixo,
novembro 23, 2007 @ 14:22
[...] O PSOE, cun aséptico título “Parque Eólico Albariño I” non expresa a súa oposición, máis si o seu desexo de que os informes sexan favorables “para disipar as dúbidas sobre este proxecto”. Non teñen opinión propia, ou non a expresan e a deixan en mans doutros. É lóxica a súa postura, deberían confíar nuns dictames emitidos por unha Xunta gobernada polo seu partido e o BNG, pero tamén é cómoda. Non podemos esquecer que apoiaron a moción presentada no Concello manifestando a súa oposición, pero semella que prefiren que a cousa pase desapercibida e canto antes, que eles andan a outras cousas. O BNG opta por un certo xuizo de valor e botando balóns fora, o artigo “O parque eólico pendente de Medio Ambiente” carga as tintas sobre o informe da Consellería de Medio Ambiente. Si é negativo o parque será un mal soño. Se é positivo, a culpa será da Xunta e, en certa maneira, tamén do BNG. Como ben dixo Diego nun comentario, na Xunta as responsabilidades se comparten e porque a Consellería de Medio Ambiente estea en mans do PSOE non quita que se laven as mans no asunto, canto máis cando a Consellería de Industria é nacionalista. No mesmo artigo comentan que este proxecto está amparado polo R.D. 302/2001 do PP e que eles falán unha nova regulación, pero non expresan as discrepancias con ese decreto. Tampouco explican que si a Consellería de Industria é quen ratifica ou non a instalación de parques eólicos, algo terán que decir en todo isto. Novamente Diego pediu explicacións ao BNG sobre as discrepancias con este decreto, agardamos que alguén do BNG baionés nos poida aclarar o tema. [...]
Roberto dixo,
novembro 23, 2007 @ 20:38
O BNG de Baiona dende o primeiro día amosou as súas cartas cara arriba, tanto é así que foi o único partido político que presentou alegación o proxecto presentado por Eurovento.
Por outra banda estamos tamén integrados como un colectivo máis, dende o seu nacemento, dentro da Plataforma SOS A Serra da Groba.
É en ningún momento nos adicamos a botar balóns fora, senon todo o contrario, estamos informando de cal é a situación real e decindo claramente quenes serán os culpábeis da desfeita que se pode chegar a producir na Serra da Groba.
O BNG sempre estivo en desacordo co plan eólico elaborado no seu día polo PP. Así sempre o manifestamos tanto dende a oposición como dende que o BNG accedeu o Co-Goberno da Xunta de Galicia. De feito xa se teñen avanzado unhas pinceladas de cal é a pretensión da Consellería de Industria no tocante o novo Plan Eólico. (tema tamén extenso e que o poderemos abordar quizais noutra anotación).
A Consellería de Industria aínda que quixera non pode para o proceso de implantación do Parque Eólico Albariño I, namentres non exista un informe vinculante que así o aconselle.
A única Consellería que pode emitir un informe que sexa realmente vinculante para poder parar este proxecto é a de MedioAmbiente. (Por moito que lle pese o PSOE).
Polo tanto está claro que si a Consellería de MedioAmbiente emite un informe negativo, Industria disporá unha ferramenta que fará posíbel a paralización do proxecto, do contrario aínda que Industria obtase por paralizalo o único que se conseguiría sería, comezar un preito entre Eurovento e a Xunta de Galiza do cal moitas probabilidades tería Euroveto de saír airosa.
Por outra Banda temos as Consellerías de Cultura e Medio Rural, que ainda que os seus informes non sexan vinculantes, sempre poderán facer un certo grado de presión, e estas si son competencias do BNG, e é nestas consellerías onde o BNG de Baiona está centrando os seus esforzos, para que os seus informes sexan o máis contundentes posíbeis respecto deste proxecto.
E logo temos os Concellos, que tamén terán que remitir os seus informes correspondentes e que tamén serán tidos en conta aínda que tampouco sexan vinculantes.
Os membros do BNG de Baiona non saben se o final o parque eólico se instalará na Serra da Groba ou non. Pero o que sí ten claro é que se moverá e fará todo o posíbel por impedilo.
O que non se debe facer é o que están a facer os outros grupos políticos, quedar impasibles e esperar a que outros decidan por nós.
O BNG non está en contra das Enerxías Renovabeis, está en contra de este proxecto concreto e o plan de explotación eólico vixente.
Por outra banda o PP está na súa postura de cada vez que poida ir en contra dalgunha decisión da Xunta de Galicia tentar aproveitala ó máximo, e non se están dando conta que están indo en contra do que fixeron mentres estiveron Gobernando.
Porqué o PP non díxo nada cando se propuxo o este plan eólico?