Historias para o Museo da Xente do Mar de Baiona

Estamos en setembro do 2007 e logo van comezar as obras dun museo redundante que lle dá outra volta máis ó PRIMEIRO de MARZO. En Baiona placas, rúas, monumentos, nomes en xardíns,instituto, auditorio; obras de teatro, desfiles de traxes, mil irmanamentos con outros pobos, unha festa de filloas, chourizos e borracheiras, a carabela-museo, doces, etc, etc. Tanto, tanto que xa empacha o palangre.
É xusta esta dedicación exclusiva ó tema americano? Está compensado o esforzo pinzoniano co nulo esforzo e dedicación ás mulleres e homes do mar que son o verdadeiro fundamento da nosa vila?
O mundo do mar de Baiona é tan rico, amplo e variado como para encher varias casas María Carvajal. Daquela imos colaborar cunha historia, co relato do afundimento do HIGHLAND PRIDE, un dos 100 naufraxios do século XX no noso mar.
Era por setembro, ás 12 da noite do día 8 saíu do porto de Vigo o Highland Pride. Barco mixto (pasaxeiros e carga) de 123 metros de eslora, 17 de manga, 10’59 de calado, un desprazamento bruto de 7469 toneladas e 830 cabalos de potencia. Algo máis ca unha gamela. Cargaba 4000 toneladas, delas 2000 podía ir en cámaras refrixeradas. En Vigo cargara un pasaxeiro que ía ás Palmas (Manuel Fernández Fernández, telegrafista de Viana do Bolo) e conservas, peixe salgado e viño. De Inglaterra, entre outra carga traía, vintecinco bois de semente, orellas e carneiros de Bresfort, galos e galiñas de raza selecta destinados a Arxentina. Tamén 58 pasaxeiros e 98 tripulantes.
Entre a unha e dez e a unha e vinte da madrugada, co mar choco embestiu na Negra, non da de Silleiro, non, foi na Negra do norte de Laxes. O primeiro en velo foi Ventura Blach, o Torero, pero sentíronse os bocinazos de auxilio en Baiona de onde saíu o axudante de mariña Juan Rufo Pena con Francisco Mandado, Antonio Veiga e mais un forasteiro. Na zona traballaban vapores de Cangas (o Avance e o Lolita) e motoras de Moaña que socorreron e trasladaron os náufragos a Vigo. Horas máis tarde colaborou tamén o alxibe “Roberto” do porto de Vigo que salvou equipaxe e a correspondencia. Vinte lanchas de mercancía descargáronse en Baiona, mentras ó redor do Pride asexaban en gamelas e vixiaba o canoneiro “gaviota”.
O capitán, Mr. C. Alford tiña que levar o barco a Bos Aires con escalas nas Palmas, Brasil e Montevideo; xa levaba 19 anos nesta ruta. Este hotel e cortello flotante enxurrou e afundiu onde o mundo se chama Laxes, As Serralleiras, Carracuído, O Biscaíno, a Pedra que Bole, As Negriñas, Rabudarnos, O Gaiado e onde hai 78 anos o mundo tamén se chama o Mar do Pride.
chuzame -