Presentamos alegacións ao Parque Eólico Albariño I

albariño I

Ante a previsible aprobación do Parque Eólico Albariño I, o BNG de Baiona presentou alegacións, xa que os informes aportados pola empresa Eurovento tiñan graves deficiencias. Relatamos a continuación un resumo das mesmas:

A área afectada pola instalación do Parque Eólico Albariño I é unha zona inzada de arte rupestre, catalogada e sen catalogar. Moita desta arte rupestre non figura no informe arqueolóxico solicitado como requisito de aprobación do Parque
Eólico. Ponse en perigo a celebración dos curros de San Cibrán, Mougás, Torroña e A Valga, festas ancestrais de enorme valor etnográfico, cultural e turístico. Os dous millóns de metros cadrados do Parque Eólico, levarían aparellados graves danos á cabana de cabalo de pura raza galega, arredor de 2.500 exemplares, tanto pola presencia dos aeroxeradores como pola disminución sensible dos pastos.

Tres vertentes de augas atópanse na zona afectada: río da Groba, río Tamuxe e ríos de Mougás (pozas) e Viladesuso. A grande riqueza arqueolóxica presente se vería gravemente afectada polas actuacións proxectadas.

Ademais da protección legal da que son obxecto estes xacementos, son varios os colectivos e asociacións que traballan na divulgación e posta en valor deste importante patrimonio, traballo que se vería truncado por este proxecto.

Tampouco se consideran os topónimos susceptibles de acubillar xacementos.

Pero o máis destacable do proxecto presentado por Eurovento é que catorce dos vinteún aeroxeradores atópanse en zonas afectadas pola vaga de lumes do 2006. Sen pretender insinuar indicios delictivos, as casualidades tan evidentes non poden máis que xerar incertidume, xa que nun principio o proxecto solicitaba a instalación na zona afectada de máis de 60 aeroxeradores, pretensión descartada pola Consellería de Innovación e Industria.

Non podemos deixar de destacar o impacto visual que producirán os aeroxeradores no perfil dos nosos montes, sexa como sexa o modelo presentado, a verdade é que a nosa paisaxe mudará considerablemente.

Por todo isto o BNG agarda que se teñan en conta as alegacións e que se retire o proxecto de Parque Eólico, non por non considerar necesario o mesmo, xa que sempre apostamos polas enerxías renovables, senón pola ubicación afectada.

Chuzame! chuzame -

Deixanos o teu comentario