Lixo de excelencia turística

lixo

Como todos e todas sabemos, Baiona é unha das localidades da costa galega que máis visitantes recibe durante a época estival e a súa cualificación de municipio de excelencia turística está lonxe de verse correspondida cun servizo de limpeza de excelencia. Sexa polo tamaño dos novos camións de recollida ou polo desexo de mellorar o aspecto do noso casco vello, o Alcalde decidiu hai uns meses quitar os contedores do centro da real vila.

O lixo dos restaurantes e bares que compartían as noites de movida coa mocidade no Xogo da Bola e Ventura Misa forman agora unha enorme montaña fedorenta no peirao que fai escapar os que alí se achegan e os curiosos e curiosas que desexan saber os horarios e os prezos da viaxe ás illas Cíes. Na rúa de Colón temos o mesmo espectáculo: os empresarios vense obrigados a deixar as bolsas de lixo fóra dos contedores invadindo deste xeito a beirarrúa e obstaculizando ás veces o tránsito dos peóns.  

O BNG denuncia a insuficiencia de servizos de limpeza e esixe que se comecen a soterrar os contedores da vila.

Chuzame! chuzame -

Deixanos o teu comentario