O Concello esquece a xente do Mar

casa carvajal

Grazas a un orzamento de máis de 90 millóns das antigas pesetas e a un convenio de colaboración asinado o pasado 9 de abril entre o noso Concello, a Deputación Provincial de Pontevedra e Caixanova, imos ter en Baiona o noso primeiro museo na Casa María Carvajal situada na praza que todos e todas coñecemos como a Praza da Froita.

O museo dos baioneses e baionesas vaise chamar Casa Museo da Navegación e non Museo da Arribada como un podería pensar despois de ler a memoria do proxecto no que o Concello presenta os contidos das catro salas coas que vai contar o establecemento:

Sala I Da Navegación en Baiona:

Albergará diversas fotografías dos navíos empregados en Galicia e daqueles planos de portos e mapas de rutas marítimas nos que aparece o nome da nosa vila, dende a Idade Media ata o século XIV.

Sala II Institucional Galicia-América:

Ofrecerá ao visitante a relación entre Galicia e América a partir da noticia da Arribada da Carabela Pinta a Baiona.

Sala III Cultura Cristiana Europea e Cultura Taina, Ciguaia e Caribe: Presentará a cultura occidental do século XIV que conseguiu descubrir o Novo Mundo así como a cultura indiana no momento da chegada dos conquistadores mediante a exposición de plantas autóctonas, útiles domésticos e de caza, ferramentas e reprodución dunha cabana, unha canoa e unha familia india.

Sala IV Da Carabela Pinta:

Albergará un mapa das principais correntes e ventos mariños utilizados polos navegantes da época, planos da construción e maquetas das tres carabelas, reprodución dun retrato de Pinzón, réplica da Pinta, etc.

O Concello reclama a necesidade inminente de crear na Casa Carvajal “unha nova edificación para dar cabida a un Museo da Navegación que acolla os fondos do Concello de Baiona, en todo o relativo ao Descubrimento de América, Arribada da Carabela Pinta, e en xeral todo o relacionado co mundo do mar ao longo da Historia dende a Idade Media ata os nosos días”.

Por que quere o Concello que se cree na nosa vila outro lugar para expoñer documentación e obxectos relacionados coa Arribada e co Descubrimento do Novo Mundo? Estes dous acontecementos nos que Baiona só tivo un protagonismo accidental xa deron lugar a demasiados nomes de prazas, rúas e monumentos que enchen a nosa vila: a réplica da Carabela Pinta, o monumento do Encontro entre Dous Mundos, o monólito en honor á Arribada, o mosaico en honor á Arribada, a placa aos membros da tripulación da Pinta, o pozo da Aguada, o monumento á gloria de Pinzón, a cruz da evanxelización de América, a placa en honor á Arribada, os xardíns de Santa Fe de Granada, a rúa Carabela Pinta, a glorieta de Colón, o Instituto 1º de marzo... E non esquezamos que o día 1 de marzo, data na que supostamente arribou a Pinta a Baiona é, dende 1974, o día da festa oficial da nosa vila: unha festa que custa uns 30 millóns de pesetas e que ano tras ano vai dexenerando e converténdose nun macrobotellón que, na súa última edición, levou ás autoridades municipais a reducir os días de celebración por falta de seguridade.

Debemos deixar que os nosos representantes políticos sigan vendendo Baiona como unha vila na que un día arribou a Carabela Pinta sen máis transcendencia? Merecen os baioneses e baionesas ter un museo que non é máis ca unha copia da Casa Museo de Martín Pinzón de Palos de la Frontera, un edificio que pertenceu ata hai poucos anos á familia dos Pinzón que participou activamente no descubrimento de América, un acontecemento alleo a sensibilidade do noso pobo?

No actual proceso de recuperación da memoria histórica, queda en Baiona unha materia pendente: rescatar e difundir o legado dos nosos traballadores e traballadoras do mar. O BNG solicita que a Casa Carvajal se converta no Museo do Mar de Baiona, un museo no que se recompile a historia da relación entre mar e home na cultura galega, no que se presente o mar como fonte de recursos e no que os nosos veciños e visitantes descubran que no noso mar temos un patrimonio vivo.

O Museo do Mar de Baiona debe recuperar o orgullo de sermos do mar, publicando e expoñendo a nosa cultura marítima e presentando a nosa identidade coma unha ferramenta pedagóxica co fin de que o público coñeza o mundo do noso mar, un mundo ao que pertenceron e aínda pertencen moitos membros das nosas familias.

Falemos dos mariñeiros e das mariscadoras e non dos tripulantes das carabelas. Coñezamos os fillos da nosa vila que se converteron nos mellores patróns de pesca do mundo e non os navegantes que descubriron América. Reproduzamos a gamela tradicional de pau e vela de Baiona e non outra réplica da Pinta. Recordemos os náufragos e os desaparecidos e esquezámonos dos indios tainos, ciguaios e caribes. Recollamos os relatos dos vellos que foron o mar, algúns mortos e outros aínda vivos, e non as testemuñas da xesta colombina. Homenaxeemos as mulleres que coidaban da casa e dos fillos, que baixaban ao peirao a recoller a pesca, que a vendían, que reparaban as redes e que vivían entregadas aos seus homes polos que rezaban os días de mal tempo e non as familias indianas que segundo o concello non tiñan superada a fase do neolítico. Lembremos o Faro Vello de Silleiro, as marcas do Galiñeiro e o ruído das ondas na Bombardeira que guiaban os mariñeiros que volvían a casa e deixemos de lado os instrumentos náuticos da época do Descubrimento. Teñamos presente as praias de lecer coma a Barbeira ou a Cuncheira onde se bañaban as poubanas, a Palma onde se tendían e secaban as redes e onde traballaban as atadeiras e non presentemos reproducións de animais atopados no Novo Mundo . Falemos das embarcacións varadas na Ribeira e non da canoa indiana, falemos dos xurelos e das fanecas e non das plantas alimenticias traídas de América, falemos da fábrica de Puga e non do cultivo de plantas medicinais, falemos dos temporais e das humildes casas mariñeiras e non das cabanas indias.

Falemos do noso, salvagardemos, conservemos e poñamos en valor o noso verdadeiro patrimonio: o mar coma fonte de vida e de traballo e o mar coma fonte de lecer. Expoñamos esta riqueza cultural na Casa Carvajal creando un museo da Xente do Mar de Baiona, no que pasear nas ondas do tempo, no que se recupere e se conserve a memoria histórica e a verdadeira cultura dos homes e das mulleres do mar.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

2 Comentarios »

  1. Baiona Consciente » A nosa historia en clave de humor dixo:

    21 novembro 2007 ás 12:49

    [...] Fora ironías. Xa é casualidade que aparezan os primeiros restos arqueolóxicos submariños en Baiona xusto cando o Goberno Municipal está a proxectar un Museo da Navegación. Coma puidemos ler nun artigo que publicou o BNG nun dos seus boletíns, o Museo ven parece máis un parque temático do Descubrimento de América, pero seguro que atopan algunha saliña onde colocar todos estes achádegos. Nós apostariamos por dous puntos de referencia da historia cercana da nosa vila, a fábrica de Puga e o Balneario da Concheira. Lamentablemente o deseño dese Museo está en mans dalguén que non viviu a historia de Baiona do mesmo xeito que nós, será que prefire o cheiro a humidade das bibliotecas ao do peixe nas súas mans. posted by baionaconsciente at 11:49   [...]

  2. Baiona Consciente » De xacementos e vellor recordos dixo:

    10 xuño 2008 ás 18:52

    [...] E incluso xa comezaron as obras do que será o primeiro museo propiamente dito e permanente. Deixamos a crítica ao BNG, que xa no seu día (quizáis prematuramente) descubriu as vergonzas do proxecto. Cousas de deixar [...]

Semente RSS dos comentarios desta anotación · URI do rastro (trackback)

Deixa un comentario