Os plans do Alcalde para encher o parking do Aral

tendais baiona - bng

Crear máis prazas para o estacionamento de vehículos no centro da vila e contribuír á dinamización do barrio dos Tendais eran os obxectivos que perseguía o Concello de Baiona coa construción do novo aparcamento subterráneo do Aral, segundo o concelleiro baionés de Vías e Obras, Manuel Vilar.

Sen embargo, estas declaracións, publicadas o 3 de decembro de 2005 no Faro de Vigo, non facían referencia ás 150 prazas que foron suprimidas na zona a dinamizar.

De todos é coñecido que, polo importante número de servizos que se atopan na zona dos Tendais, os desprazamentos ao Centro de Saúde, entre outros destinos, requiren a utilización de medios de transporte privados para unha boa parte dos seus usuarios procedentes da periferia de Baiona e das súas catro parroquias (Baíña, Baredo, Belesar e Sabarís), a obriga de utilizar medios de transporte privados.

Convén lembrar que con anterioridade á construción do novo parking, as prazas de aparcamento en superficie eliminadas e as zonas de aparcamento existentes, aínda que con escaso acondicionamento, permitían aos veciños e visitantes estacionar de xeito gratuíto sen ter que circular nos seus vehículos errantes en busca dunha praza libre.

Ás máis de 150 prazas suprimidas na zona dos Tendais, xunto coas eliminadas en Marqués de Quintanar, glorieta de Colón, etc. hai que sumar a perda doutras máis de cen prazas nunha grande parte de Santa Liberata, na que o tráfico deixou de discorrer e onde, segundo declaracións do Alcalde, a prohibición de estacionar será en breve definitiva co fin de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e evitar o deterioro da coñecida praza poñendo en valor un espazo emblemático do casco histórico de Baiona.

Aplaudimos que en Baiona se estean a crear zonas de prioridade peonil para elevar a calidade ambiental, remodelar espazos e responder así ao diagnóstico elaborado polo equipo de redacción do Plan Especial de Protección do Casco Histórico e Artístico (Pepcha). Para humanizar Baiona, o criterio utilizado é o mesmo que noutras vilas e cidades: limitacións aos coches, supresión de prazas de aparcamento en superficie, incorporación de grandes testos sen flores, modificacións do pavimento e do mobiliario urbano e, como non, grandes pancartas anunciando o emprazamento do novo parking do Aral.

Como resposta a esta permanente problemática de falta de prazas de estacionamento, que se acentúa na época estival, a peonalización e a supresión de aproximadamente 300 prazas de aparcamento dende a apertura do establecemento son algunhas das medidas adoptadas polo equipo de Vázquez Almuiña que parece estar favorecendo os intereses da empresa concesionaria do parking subterráneo do Aral. 

O uso do aparcamento subterráneo da zona dos Tendais parece ser a alternativa recomendada dende o Concello, alternativa que resulta ser, especialmente para a clase popular, é dicir para a maioría dos baioneses e baionesas, unha opción limitada en función do seu poder adquisitivo. Mentres na vía pública a cidadanía podía acollerse a unha modalidade gratuíta de estacionamento, o novo parking do Aral presenta tarifas que poden cualificarse como desproporcionadas: fagan vostedes mesmo a conta.....

Prezo: 1,20 €/hora

Anual: 63,80 €/mes - 765,60 €/ano

Xullo ou agosto: 120 € /mes

Xullo e agosto: 100 €/mes

Quincena: 75 €/mes

Chuzame! chuzame -

Deixanos o teu comentario