Reordenar non é privatizar

Con este e outros lemas acudiu o BNG á manifestación do pasado 3 de agosto convocada por todos os grupos políticos agás o Partido Socialista, na cal se concentraron máis de 1500 veciños e veciñas, preocupados e indignados pola decisión de Portos de Galicia de privatizar a lámina de auga comprendida entre a Doca e o Club de Iates.
Xa no ano 2000 o BNG propuxo a creación dunha comisión para o estudo e xestión do Plan de Portos de Baiona. A medida entendiámola necesaria para acabar coa anarquía existente no porto de Baiona, relativa aos fondeos das embarcacións tanto de mariñeiros coma de recreo.
En setembro de 2002 comezaron as obras de construción do segundo porto deportivo de Baiona, ocupando unha lámina de auga protexida de 33.405 m2 e cun recheo de 11.787 m2. Daquela soamente o BNG foi quen de manifestarse, xunto con outros 200 manifestantes entre os cales asistiron representantes da plataforma en defensa da ría de Vigo así como veciños de Nigrán e Gondomar para amosar a súa solidariedade cos afectados polo futuro do Porto de Baiona. E preguntámonos agora: Onde estaba o Partido Popular naquela ocasión?; por que daquela non se manifestou en contra da privatización e agora si?; será porque agora xa non goberna na Xunta de Galiza?
No ano 2006 iniciouse a construción duns embarcadoiros con capacidade suficiente para erradicar os fondeos existentes na baía de Baiona, cunha zona reservada para as embarcacións dos mariñeiros e outra para as embarcacións de recreo fondeadas naquel momento, tentando deste xeito solucionar a problemática que o BNG xa denunciara no ano 2000. Pero a realidade é que lonxe de solucionarse o problema dos fondeos, o que se está a conseguir con estas medidas é encher a baía de Baiona con metros e metros de pantaláns, por non ter feita unha correcta planificación á hora de conceder os amarres, e facendo que os veciños e veciñas de Baiona sigan coas súas embarcacións fondeadas e que embarcacións foráneas se aproveiten destes amarres que lles saen moito máis económicos cás prazas de amarre do Club de Iates ou de Ronautica.
E agora volve aparecer Portos de Galicia coa idea de reordenar a lámina de auga comprendida entre a Doca e o Club de Iates, poñendo de escusa que na actualidade existen fondeos incontrolados e que poñen en perigo a seguridade marítima. E para conseguilo pretende privatizar e crear unha concesión, con claros indicios de que o seguinte paso sexa tamén a privatización da Doca.
O BNG quere propoñer de novo que se realice un estudo da situación actual da baía de Baiona e se marque un plan para a súa reordenación total e integral. O BNG tamén propón que se declare a baía de Baiona zona saturada para amarre e fondeo de embarcacións de recreo. Solicitamos que se paralice a licitación para a privatización da lámina de auga comprendida entre a Doca e o Club de Iates.
chuzame -