O BNG ante as Áreas Metropolitanas

O BNG considera unha prioridade política a aprobación na actual lexislatura de instrumentos normativos que debuxen un novo deseño institucional e territorial de Galiza. As áreas metropolitanas e as comarcas son o modelo acaído á realidade socioeconómica e política do país e deben servir sirvan para superar o actual modelo territorial e, en particular, as deputacións. Así mesmo, deben contribuír a mellorar a eficacia na prestación de servizos públicos de ámbito supralocal e que, polo tanto, supoñan un avance no benestar social dos cidadáns galegos.
Calquera debate e proposta serio sobre as áreas metropolitanas debe ir vinculada a un novo modelo de organización territorial e institucional para Galiza. As propostas sobre as áreas metropolitanas non poden ser realizadas por coxuntura política ou cálculos partidarios, nin formularse como simples ocurrencias, senón que deben ir unidas a unha proposta dun novo mapa institucional e territorial galego no que as áreas metropolitanas serían unha peza máis, xunto a concellos e comarcas.
Crear illadamente áreas metropolitanas sen complementalas con comarcas no ámbito rural e sen abordar a reformulación do papel das deputacións só conduciría a incrementar os niveis institucionais, duplicando competencias, incrementando gasto público e xerando maior descoordinación e ineficacia. É fundamental aproveitar o traballo xa feito en Vigo, impulsado polo BNG desde a alcaldía desta cidade, sen desbotar por iso outras dimensións territoriais que, desde o consenso, servan para dar resposta eficaz ás necesidades de planificación integral das rexións urbanas de Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol.
PP e PSOE non teñen un modelo para a organización interna do país
A falta dun modelo territorial para Galiza tanto no PP coma no PSOE explica as súas contradiccións internas derivadas de posicións localistas e anacrónicas, cunha curtedade de miras alarmante e cunha falta de visión de país incompatíbel co espíritu e a finalidade que debe inspirar a creación das áreas metropolitanas e das comarcas, que non é outra que a de vertebrar Galiza.
As áreas metropolitanas e comarcas deben ir máis aló dunha simple agrupación de concellos, como pretende o Partido Popular ou como no seu día propuxo o propio Méndez Romeu, e deben dotarse de personalidade política e institucional para a defensa dos seus intereses e a xestión eficaz de servizos.
As críticas do Partido Popular son incoherentes, xa que foi incapaz ao longo de 16 anos de abordar unha nova organización territorial e institucional de Galiza e que unha vez máis demostra que carece dun proxecto de país, ao formular propostas reduccionistas con respecto ás áreas metropolitanas e en defensa das deputacións provinciais.
chúzame -
Baiona Consciente » Caballero I, o Conquistador dixo,
agosto 21, 2007 @ 17:06
[...] Namentres, ¿qué pensan os partidos políticos en Baiona? O PP é o único que se postulou, asimilando as directrices políticas que mandan desde Santiago, o mesmo que fixo o BNG no seu bloge, colgando unha manifestación institucional. O PSOE segue de vacacións e non parece dar sinais de vida. [...]