Posta en valor de Outeiro dos Lameiros

 

Dende o momento no que a Comunidade de Montes en Man Común de Santa Cristina da Ramallosa tivo coñecemento da existencia de petroglifos no monte veciñal e da importancia do conxunto, procurou sempre a súa protección.

Primeiro procedeu, na década dos noventa, a cercar a zona e a mantela con vexetación controlada, eliminando o eucalipto e sinalando o conxunto de inscricións. Foi aquela unha intervención moi rudimentaria, un valado perimetral e paneis informativos, mais que pretendía poñer en evidencia o interese da Comunidade de Montes en protexer un patrimonio de grande valor cultural.

Os veciños e veciñas comuneiros da parroquia en asemblea xeral celebrada o 23 de marzo de 2003 acordaron solicitar do programa europeo PRODER Vigo II unha axuda para poñer en valor o conxunto arqueolóxico de Outeiro dos Lameiros. Esta axuda foi aprobada o 31 de agosto de 2006.

O orzamento total desta intervención de posta en valor do conxunto rupestre ascende a 141.072,47 euros. Deste orzamento total a axuda concedida ao proxecto con cargo ao programa europeo PRODER Vigo II é de 115.242,09 euros, achegando ao mesmo a Comunidade de Montes os 25.828,38 euros restantes.

Dende o pasado Decembro a Comunidade de Montes de Santa Cristina da Ramallosa ven traballando neste proxecto realizando traballos de limpeza e silvoculturais, preparando a documentación necesaria así como o rexistro e limpeza do conxunto.

A posta en valor do patrimonio cultural que se atopan nos montes veciñais deben procurar a súa protección e conservación xa que son un recurso máis do monte veciñal. É esta a liña de actuación que persigue a Comunidade de Montes en Man Común de Santa Cristina da Ramallosa.

Mais a protección e conservación ten que ser compatible coa difusión destes valores patrimoniais entre o común da xente, facéndoos visíbeis e que as visitas aos conxuntos patrimoniais sexan gratificantes, lúdicas e didácticas. Só a rendibilidade social destas intervencións pode lograr que as Comunidades de Montes dediquen parte dos seus orzamentos anuais á posta en valor do patrimonio e o que aínda é máis importante ao mantemento destas intervencións.

Consideramos que só o compromiso das comunidades de montes en man común, e xa que logo dos veciños e veciñas comuneiros, na posta en valor dos restos patrimoniais pode asegurar a protección e conservación dos conxuntos patrimoniais e, ao tempo, que as inversións que neles se realicen teñan un mantemento continuo e permanente.

Con estas orientacións, e coa maior das ilusións, é coas que a Comunidade de Montes e Man Común da parroquia de Santa Cristina da Ramallosa tomou a iniciativa que agora comeza a facerse realidade.

PROXECTO ARQUEOLÓXICO “O OUTEIRO DOS LAMEIROS” (SANTA CRISTINA DA RAMALLOSA)

Esta estación de arte rupestre foi descuberta en febreiro de 1984 aumentando así exponencialmente o número de superficies gravadas coñecidas no concello de Baiona.

O conxunto de máis de 20 superficies comprende arte abstracta (circos concéntricos, coviñas, reticulados...) e arte naturalista en tres rochas con zoomorfos esquemáticos ademais de alfabetiformes.

Unha parede vertical do propio Outeiro dos Lameiros con 10x3m contén o mellor conxunto de arte esquemática do noroeste peninsular cuns 60 cuadrúpedes, un estreliforme e figuras abstractas.

Estamos na maior concentración de figuras reticuladas do noso país.

No lugar consérvanse os camiños tradicionais, empedrados nalgúns casos, que comunican Baíña, San Cosme, Sabarís e Belesar dos que quedan fondas pegadas nas rodeiras que incluso pasan por riba de varios petroglifos.

O Outeiro dos Lameiros e Os Campos están emprazados a carón da Tomada dos Ineses, propiedade de 2Ha cunha fortísima carga histórica relacionada co golpe militar do 36.

Atopámonos dediante dun espazo fortemente culturizado onde coinciden:

• a arte rupestre de varias épocas e tipoloxías
• a Tomada dos Ineses relacionada co episodio da Volta dos Novecruce de camiños tradicionais
monte aproveitado como pasto, canteira, provedor de estrume e como recurso forestal
variedade de topónimos que evidencian o uso continuado deste lugar a 180 metros sobre o nivel do mar: O Outeiro dos Lameiros, A Costa de San Lourenzo, As Tomadas dos Lameiros, Os Lameiros, Os Campos, A Regueira de Retruca, O Outeiro do Ceboleiro, A Tomada dos Ineses / A Devesa do Rei / A Fonte Armada / A Bouza da Serra.

Os pasos do PROXECTO ARQUEOLÓXICO “O OUTEIRO DOS LAMEIROS” comezan con:

1º.- Estudo da arte rupestre da zona, con prospección sistemática na procura de novas rochas con gravados levada a cabo por arqueólogos.

2º.- Diagnose do estudo das superficies e a cantidade e grao das alteracións (liques, brión, depósitos, termoclastos, escorrentías...) feito por restauradoras.

3º:-Traballo de limpeza e restauración das laxes graníticas

4º.- Rexistro escrito e gráfico de todos os gravados así como a súa catalogación no Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia.

5º.- MUSEALIZACIÓN do espazo no que se emprazan as rochas con gravados. Isto supón a creación dun punto de información no lugar, a creación de sendeiros que comuniquen as distintas superficies debidamente sinalizados con cartaces explicativos sobre o contido dos distintos petroglifos e os coidados a observar polo visitante.

O proxecto está dentro do PRODER Vigo II solicitado pola Comunidade de Montes en Man Común de Santa Cristina da Ramallosa que ten que achegar unha parte do orzamento.
É a primeira vez que unha comunidade de montes inviste e xestiona directamente recursos para poñer en valor un ben do patrimonio cultural arqueolóxico. Trátase tamén de que esta iniciativa sexa seguida por outras comunidades de montes e valorada positivamente pola sociedade en xeral.

Dende o Bng de Baiona queremos facer pública a nosa máis sincera felicitación a Comunidade de Montes de Santa Cristina, por esta iniciativa de musealizar este conxunto arqueolóxico, e tamén o IEM pola fabulosa iniciativa de amosarnos a todos e todas esta xoia que temos no noso Concello.

Chuzame! chuzame -

Deixanos o teu comentario