O BNG cós mariñeiros e mariscadoras de Baiona

Non podemos deixar de protexer unha lámina de auga empregada para marisqueo por parte de mariñeiros e mariscadoras de Baiona. Por iso, e fuxindo de valoracións partidistas ou sectarias, non podemos máis que unirnos á manifestación conxunta que se ven de convocar para o vindeiro Venres, a partires das oito do serán, saindo desde a praza do Concello. Novamente o BNG estará cós veciños e veciñas de Baiona.
TEXTO DA CONVOCATORIA (correxido gramaticalmente)
Estimados/as veciños/as e visitantes de Baiona:
Ante a gravísima problemática que suporía a construción dun POLÍGONO DE FONDEO PARA A NÁUTICA RECREATIVA, con embarcadoiros flotantes, dende o Concello e a Confraría de Pescadores de Baiona, convócase a todos/as os/as veciños/as a unha manifestación que terá lugar o próximo venres día 3 de agosto ás 20:00 horas con saída dende o Concello e finalizando no peirao.
Esta manifestación, cuxo lema será “NON MÁIS ESPECULACIÓN NA BAÍA DE BAIONA”, foi convocada despois de non recibir contestación algunha por parte de Portos de Galicia, organismo que pretende adxudicar a concesión dunha área de fondeo na nosa baía, sen ter previamente ningún tipo de diálogo co Concello nin coa Confraría, na moción de rexeitamento do polígono de fondeo, acordada no pleno por unanimidade de todos os grupos políticos que integran a Corporación Municipal.
A lámina de mar que pretenden privatizar situada entre o espigón da Doca e o Club de Iates Monterreal, fronte á praia da Barbeira, ocupa unha superficie de 36.363 m2, o equivalente a catro campos de fútbol aproximadamente. Esta área constitúe un importante viveiro natural onde se desenvolve tradicionalmente unha relevante actividade pesqueira e marisqueira (tanto a pé como a flote), e destaca pola súa importancia como banco de cría de ameixa fina, ameixa babosa, reloxo e longueirón do que se nutren os bancos adxacentes e no que traballan habitualmente 70 mariñeiros, 35 mariscadoras e 27 embarcacións dedicadas á nasa da nécora.
Esta privatización e especulación da nosa enseada vai en contra dos intereses xerais de Baiona, non só prexudica ao sector pesqueiro e marisqueiro, senón que afecta a todo o pobo de Baiona, xa que suporía a desaparición da praia da Barbeira e da Doca, provocando un grave impacto medioambiental na nosa baía.
A construción deste polígono de fondeo significaría:
.- Aniquilar o futuro dos/as mariñeiros/as de Baiona.
.- A desaparición da praia da Barbeira e da Doca.
.- Un grave impacto medioambiental.
.- A saturación e o crecemento indiscriminado de embarcacións.
Por todas estas importantes razóns invitamos a todos/as a participar na manifestación-protesta en contra da privatización da nosa lámina de mar
“NON MÁIS ESPECULACIÓN NA BAIA DE BAIONA”
“SI AO DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE”
chuzame -
pentamaster dixo,
agosto 2, 2007 @ 19:49
Coma sempre, o BNG estará cos Baioneses e Baionesas, sen mirar a cor política da Xunta. Fieles ao pobo, aínda que o pobo non sexa tan fiel có BNG. Imos demostrarlles que vale a pena apostar polo bloque.